PARTICIPACIÓN MASIVA: 400 VOTOS A FAVOR E 318 EN CONTRA

O cadro de persoal aproba o novo convenio colectivo da CRTVG

O cadro de persoal da CRTVG -a radio e a televisión públicas da Galiza- votou favorabelmente o texto de convenio colectivo acordado polo comité de empresa e a dirección da compañía. A consulta, que tiña carácter vinculante, rexistou unha participación moi alta: o 80,9%.

photo_camera San Marcos

A CRTVG vai ter novo convenio colectivo após ter sido aprobado polo conxunto das traballadoras e dos traballadores da compañía pública nunha consulta vinculante que se caracterizou pola altísima participación. Das 927 persoas con direito a voto exercérono finamente un total de 750, isto é, o 80%.

Votaron a prol do novo convenio colectivo 400 traballadoras e traballadores, o 53,3% dos que acudiron ás urnas. Fixérono en contra 318, o 42,4%. Houbo 28 votos en branco e 4 nulos.

O texto do convenio foi acordado pola dirección da compañía e os sindicatos CIG, CC OO, UGT e USO. Aliás, non contou co respaldo da CUT, que é a forza con máis representación no Comité. Os sindicatos que si apoian o convenio optaron por o submeter a unha consulta vinculante, embora tiñan a maioría no comité para o aprobaren eles directamente. Preferiron dotalo de maior lexitimidade democrática e submetelo á votación do conxunto das traballadoras e os traballadores.

A resposta do cadro de persoal foi masiva. Tiñan direito a voto 826 persoas das instalacións centrais de San Marcos, 30 do centro da Coruña, 22 do de Ourense, 19 do de Lugo e 30 do de Vigo.

Ao daren o respaldo a este convenio colectivo, o cadro de persoal conxura o risco de que a empresa optase por, despregando a lesiva reforma laboral, aplicar o convenio superior que rexe a CRTVG, o convenio estatal de producións audiovisuais, ben máis regresivo nas súas condicións do que o pactado pola representación laboral e a compañía da radio e televisión pública da Galiza.

Comentarios