Bruxelas sae ao rescate dos traballadores do naval galego

O feche de 38 firmas auxiliares do sector naval o pasado ano deixou na rúa preto dun milleiro de persoas. Agora, o Parlamento Europeo aproba unha axuda de 2 millóns de euros para facilitar a reincorporación ao mercado laboral de parte deste colectivo financiando varias accións de carácter formativo e de orientación laboral. 
Vista das instalacións de Factorías Vulcano na ría de Vigo
photo_camera Vista das instalacións de Factorías Vulcano na ría de Vigo

Entre maio de 2019 e febreiro de 2020 perto de mil traballadores e traballadoras da construción naval (960) quedaron sen emprego na Galiza. Son centos de persoas que traballaban para 38 pemes do sector e que agora van recibir axuda de Europa para mellorar a súa empregabilidade.

O Parlamento Europeo aprobou esta terza feira, 20 de outubro, a proposta da Comisión Europea de conceder 2 millóns de euros ao Estado español co obxectivo de financiar medidas para a reciclaxe de 500 traballadores despedidos do sector naval na Galiza. 

A medida, que saíu adiante co apoio de 645 das representantes na Eurocámara, fronte a 33 eurodeputados e eurodeputadas que votaron en contra e as nove abstencións que se rexistraron, responde á petición do Executivo español, que pedira axuda ao Fondo de Adaptación á Globalización após os despedimentos rexistrados nos últimos meses.

A axuda cubrirá 60% do custo total das medidas de apoio, que as autoridades españolas cifran en 3,4 millóns de euros. En particular, utilizaranse para ofrecer aos traballadores despedidos orientación laboral, formación, prospección laboral e seguimento no emprego.

Mais a proposta, que brindará novas oportunidades laborais ao persoal que viña realizando a súa actividade nos estaleiros galegos, está acompañada dun informe que non debuxa un futuro moi esperanzador para o sector no país.

Tendencia á baixa

O informe do Executivo comunitario argumenta que a crise económica de hai unha década xa afundiu á metade os pedidos aos estaleiros galegos, que rexistraran un gran crecemento os anos anteriores grazas, na súa maior parte, aos novos pedidos procedentes de Asia.

Como destaca o documento de Bruxelas, a tendencia á baixa no sector mantívose desde entón, un feito que, sumado ao crecemento dos estaleiros asiáticos nos últimos anos,  provocou unha sobre capacidade a nivel mundial e a caída dos prezos no sector. A falla de modernización tamén xogou en contra.

Comentarios