Brigadistas alertan da necesidade de realizar tarefas de prevención de incendios todo o ano

As brigadas municipais contra incendios seguen sen conformar mentres o persoal denuncia falta de medios.
Equipos de extinción cargan cisternas de auga para realizar tarefas de extinción no fogo que esta semana afectou  Castrelo de Miño e Cartelle (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).
photo_camera Equipos de extinción cargan cisternas de auga para realizar tarefas de extinción no fogo que esta semana afectou Castrelo de Miño e Cartelle (Foto: Rosa Veiga / Europa Press).

Persoal que traballa contra os incendios da Galiza reclama que os brigadistas fixos descontinuos, que actualmente están operativos por períodos de seis e nove meses, pasen a traballar durante "todo o ano" para que poidan centrarse na prevención.

Ademais, a CIG denunciou "as situacións de abuso que está a sufrir o persoal", ao que se lle obriga a soportar xornadas maratonianas de bastante máis de 12 horas consecutivas sen sequera levarlle auga nin comida".

Para a CIG, esta situación está orixinada na decisión da Xunta da Galiza de "volver ao sistema de contratación de brigadas de extinción municipais mentres segue escatimando co persoal propio". "A realidade é que as brigadas municipais non estarán activas até entrado agosto", recrimina o sindicato.

Despois de que se extinguiran os dous maiores  incendios na historia da Galiza desde que hai rexistros, o do Courel -11.100 hectáreas- e o de Valdeorras -10.500 hectáreas-, nunha vaga de incendios que arrasou unhas 33.000 hectáreas en dúas semanas, analízase como tentar evitar que volva suceder.

O presidente do comité de empresa de Medio Rural en Ourense, Óscar Rodríguez (CCOO), sinala que "ten que haber máis persoal e máis tempo para poder facer traballos de prevención no inverno". Apunta ás dificultades que se viviron estes días "unha vez o incendio está fóra da capacidade de extinción". Con todo, "se ese fogo ten unha zona de descontinuidade, poderíase chegar a atallar". "O problema está na xestión forestal", razoa.

A este respecto, aclara que eses traballos "non son só rozar", xa que o monte "non pode ser un xardín", pero "si que se poden buscar descontinuidades nas masas forestais" con tarefas "durante todo o ano". "Aquí habería traballo durante todo o ano para todo o mundo para esa prevención".

Nesta liña, lamenta que o problema nun fogo como o que afectou a Valdeorras "é que non hai descontinuidade". Relata que tres son os factores que determinan un incendio: temperatura, humidade e combustíbel. Os dous primeiros "veñen polo tempo", "pero sobre o combustíbel ti podes influír" a través de "buscar descontinuidades coas que parar eses incendios", porque se non, "desbócase".

O delegado de prevencion de UXT, Marcos Rodríguez, coincide na necesidade de que o operativo estea profesionalizado "ao 100% durante todo o ano". Razoa que os traballos preventivos téñense que facer de forma "anticipada", "con anos de anterioridade, non se pode esperar a que pasen erros como os de agora".

E é que Marcos Rodríguez propón que, a curto prazo, os fixos-descontinuos de seis meses deben pasar a nove meses, mentres que os de nove meses traballen os 12 meses. "A medio prazo", aclara, todos eles deben estar "durante todo o ano".

Segundo a relación de postos de traballo de Medio Rural, son máis de 1600 os fixos descontinuos do servizo contra incendios da Galiza que traballan entre seis e nove meses. Iso si, por parte de traballadores e sindicatos apúntase que "bastantes prazas están sen cubrir" por baixas e vacantes.

Falta de medios humanos e materiais

Nas últimas semanas diferentes sindicatos denunciaron a falta de medios humanos e materiais para atallar a vaga de fogos. FAC-USO Galiza alertou de "numerosos incumprimentos" por parte da Xunta co persoal contra os incendios, tales como "xornadas máis longas, cuadrillas de só dous membros, falta de comida e bebida e algún distrito forestal sen brigada".

Pola súa parte, o presidente do comité de empresa de Medio Rural en Ourense reflexiona sobre a importancia da celeridade coa que se debe actuar para atallar os fogos canto antes. "Non vale de nada", di, se o "primeiro día" chega "unha única brigada e só leva dous compoñentes", pois hai que actuar "antes de que se desboque".

"O máis importante á hora de que eses incendios non estean fóra da capacidade de extinción é atallalos canto antes, os tempos de reacción". "Se ti tes un servizo ben coordinado e con persoal, podes tentar que ese fogo non se chegue a facer grande, porque unha vez que están fóra da capacidade de extinción, aí é moito máis complicado", razoa Óscar Rodríguez.

E é que unha das denuncias reiteradas das persoas traballadoras durante a vaga de incendios é a existencia de brigadas incompletas para atacar os incendios polos postos sen cubrir.

"Tal e como está montado o dispositivo agora mesmo as brigadas en si están formadas por un bombeiro forestal xefe de cuadrilla, un condutor e cinco bombeiros, e como se van turnando uns días tería que haber catro e outros días, tres"; mais, "como non se cobren as baixas nin as vacantes", "pódense mandar brigadas de dous compoñentes".

De tal forma, indica que a Consellería "informa o número de brigadas" que loita contra un incendio, que "parecen moitas", "pero non dá o número real de xente que actúa". Ademais, Óscar Rodríguez lembra que existe o problema de que, "a día de hoxe", as brigadas municipais que se convenian coa Xunta están "aínda sen constituír e sen facer". Por iso, pide que haxa un servizo público unificado no seo da Xunta.

Agradece que houbo xente que, "voluntariamente, quixo prolongar xornadas" porque se viviron momentos de "colapso" cuns incendios de dimensións históricas, do mesmo modo que se incorporaron empregados que estaban de vacacións, pero cre que non se debe depender só deses xestos. Tamén opina que se pode mellorar a coordinación coa Unidade Militar de Emerxencias (UME), posto que "cando vén xa está todo medio controlado".

Por todo iso, o presidente do comité de Medio Rural en Ourense empraza á Xunta a "reflexionar" e a sentar coa parte social para reformular o modelo porque "estes incendios veñen para quedar".

Desprazamentos de varias horas

Marcos Rodríguez coincide en poñer o foco en que "hai moitas brigadas actuando pero pouco número de persoas traballadoras". Un dos defectos observados é que se "tardou" en actuar nalgúns fogos antes de que avanzasen "fóra do normal". Á hora de atacar un incendio "non é o mesmo cinco persoas que tres".

Este membro da UXT apunta a extenuación dos operarios polos desprazamentos de "dous ou tres horas" que tiveron que realizar nesta vaga de incendios. Pon o exemplo de persoas operarias que marcharon de Pontevedra e Baixo Miño ao Courel e realizaron xornadas de "16 horas", co "risco para o traballo" que iso entraña.

Respecto da ausencia de unificación, o delegado de prevención da UXT tamén chama a atención acerca dos problemas laborais que viven os membros de unidades helitransportadas, que son de empresas privadas e "non cobran o que lles pertence".

Comentarios