Sós ante o perigo: sindicatos advirten da "falta de medios" e os "abusos" que sofre o persoal de extinción de incendios

A falta de persoal orbiga nesta primeira gran vaga de lumes a "soportar xornadas maratonianas de bastante máis de 12 horas consecutivas sen sequera levarlles auga nin comida", denuncian.
Labores de extinción do lume en Samos. (Foto: Europa Press)
photo_camera Labores de extinción do lume en Samos. (Foto: Europa Press)

Os sindicatos CCOO, CIG e UUAA denunciaron esta segunda feira a falta de medios humanos e materiais para atallar a vaga de incendios que afecta a Galiza e que, polo de agora, arrasou máis de 10.700 hectáreas, segundo datos oficiais.

En concreto, o delegado de Comisións Obreiras do Medio Rural a nivel galego e delegado do comité de empresa en Lugo, Carlos Hermida, cualificou de "insuficientes" os medios da Xunta para atallar os incendios forestais, á vez que pediu que se vaia cara á "profesionalización" dos brigadistas.

Hermida lamentou que os medios humanos con que se contan neste momento son "insuficientes", a pesar de que "este ano a Consellaría do Medio Rural, por primeira vez, antes de empezar esta vaga de lume, cubriu baixas de longa duración, cuestión que non se fixera nunca e este ano foi por primeira vez".

Aínda así, "os medios ante incendios desta virulencia está claro que nunca son suficientes e este ano empezouse tarde a contratar as brigadas municipais", dixo. "Está claro que co persoal da Xunta non chega ante esta vaga de lumes, sobre todo os incendios de sexta xeración, que son incendios de gran virulencia e non hai medios", sentenciou.

Por iso, Carlos Hermida avogou por "crear un persoal estábel, que traballe todo o ano, tamén en labores de prevención" e que camiñe cara á profesionalización. O delegado de CCOO lembrou que este ano "no cadro de persoal hai 800 bombeiros todo o ano, 600 nove meses e 1.000 seis meses", polo que tamén esixiu estabilidade para estes traballadores e traballadoras.

Sistema de contratación

Na mesma liña, a CIG denunciou que a situación vivida estes días na Galiza pon de manifesto a "falta de medios de extinción" e "as situacións de abuso que está a sufrir o persoal", ao que se "obriga a soportar xornadas maratonianas de bastante máis de 12 horas consecutivas sen sequera levarlles auga nin comida".

Para a CIG, esta situación está orixinada na decisión da Xunta de "volver ao sistema de contratación de brigadas de extinción municipais mentres segue escatimando co persoal propio". "A realidade é que as brigadas municipais non estarán activas até entrado agosto", denuncia o sindicato.

"Á dificultade para asinar convenios súmaselle a necesidade de persoal e a desesperación nos concellos para atopar material de extinción, equipos de protección individual e mesmo vehículos en condicións", asegura a CIG.

Fronte a isto, a central sindical aposta nun "modelo de xestión único, público e directo para a extinción de incendios, composto por profesionais formados e adestrados en multiemerxencias, que poidan alternar os labores de extinción no verán e prevención durante todo o ano".

Despregar "de inmediato" os medios previstos no Pladiga

Por outra parte, o sindicato Unións Agrarias puxo ao dispor dos afectados polos lumes a súa rede de técnicos nas oficinas comarcais da organización para que poidan trasladar calquera necesidade relativa a danos nas vivendas, explotacións, cultivos e base territorial das explotacións afectadas polos incendios forestais.

Aliás, UUAA destacou o "importante traballo que estes días están a realizar todas as persoas e institucións que traballan e colaboran na loita contra as chamas que están a arrasar amplísimas zonas do Courel e Valdeorras". Con todo, reclamaron que a Xunta despregue "de inmediato" todos os medios de prevención e extinción previstos no Pladiga, "nun ano especialmente complicado pola seca e pola vaga de calor".

Do mesmo modo, o sindicato lembrou que aínda se trata da "primeira parte da campaña de lumes" e que "as situacións de risco estenderanse aínda até mediados do mes de outubro". UUAA tamén se fixo eco das protestas de afiliados da comarca do Courel, que indican que o lume que se prendeu durante a tronada do pasado 14 de xullo non se atallou en tres días; tempo no que "se disparou a superficie queimada e o perigo da situación".

Igualmente, a organización agrogandeira solicita que se apliquen as excepcións previstas na Lei de Montes da Galiza respecto ás prohibicións automáticas de pastoreo nas superficies queimadas; "pois sendo lumes maioritariamente atribuídos a causas naturais non tería sentido aplicar este dobre castigo aos gandeiros".

Comentarios