A Xunta aproba un Pladiga que nace inzado de críticas pola "falta de medios humanos"

Aliás, o Pladiga marca como obxectivo que ardan "menos de 16.000 hectáreas", unha cifra que case multiplica por catro a superficie queimada en 2021.
Bombeiros sufocando un incendio. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Bombeiros sufocan un incendio en Navia de Suarna, en 2020. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, informou esta quinta feira da aprobación do Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais da Galiza (Pladiga), cun custo estimado de 180 millóns de euros.

O documento, que supón o despregamento a 1 de xullo de 7.000 efectivos, inclúe novidades en detección de incendios —con máis cámaras de vixilancia e unha previsión de risco a nove días—, xunto con cambios para reforzar os mandos operativos e a coordinación.

Aliás, segundo a información facilitada polo presidente durante a súa intervención na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, identifica un total de 35 parroquias de alto risco de incendio, o mesmo número que o ano pasado, aínda que saen catro lugares e entran outros catro que non estaban previamente: a parroquia de Meirás, en Folgoso do Courel; A Gudiña —no municipio homónimo—, Pereiro, na Mezquita, e Calvos, en Calvos de Randín.

Entre outros medios, alén de 380 motobombas, incorpóranse seis novas cámaras de videovixilancia, até as 148, en máis de 70 localizacións.

Tamén se mellora, afirmou Rueda, a tecnoloxía para a perimetraxe dos incendios, coa acción de forma automática, sectorízanse os incendios para unha mellor extinción e mellórase a información aos veciños e veciñas das parroquias de máis risco, así como para o persoal que traballa neste ámbito.

Críticas ao Pladiga pola falta de medios

Porén, este Pladiga nace inzado de críticas. Esta mesma quinta feira as páxinas de Nós Diario recollen a opinión de bombeiros forestais que consideran que o documento "non é realista". Nestes termos pronúnciase David López, da Asociación profesional de bombeiros forestais da Galiza (Apropiga), que subliña que "adoece do persoal necesario" para que haxa unha "planificación efectiva".

Así, apunta, a día de hoxe en Lugo no corpo de bombeiros forestais, a primeira liña de combate contra os incendios, pode haber "por volta de 40 prazas sen cubrir". Unha cifra que el mesmo extrapola a nivel da Galiza a unhas 300 prazas nesa mesma situación, quer por baixas, quer por xubilacións non cubertas, traslados...

Aliás, o Pladiga marca como obxectivo para este ano que na Galiza ardan menos de 16.000 hectáreas (ha), unha cifra que, en todo caso, case multiplica por catro a superficie queimada en 2021, 4.400 ha.

Comentarios