Cargas policiais nas protestas dos bombeiros en Lugo

Os bombeiros de consorcios manifestáronse na cidade da muralla en defensa de melloras laborais e de dotación de medios dos servizos.
Carga policial contra os bombeiros en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Carga policial contra os bombeiros esta terza feira en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Antidisturbios da Policía realizaron cargas en Lugo durante a protesta de bombeiros de consorcios provinciais ao tentar colocar unha pancarta diante da sede da Xunta esta terza feira. A protesta iniciábase sobre as 11 horas coa presenza de 300 e 400 bombeiros. Despois de producirse a carga, representantes dos manifestantes negociaron cos axentes para que catro deles puidesen pasar e colocar a pancarta co lema 'Condicións dignas para bombeiros xa'.

Os bombeiros de consorcios manifestáronse en Lugo en defensa de melloras laborais e de dotación de medios dos servizos. Tras o seu paso pola sede da Xunta, continuaron o percorrido pola Rolda da Muralla para manifestarse perante a sede da Deputación de Lugo, onde puideron colocar a súa pancarta sen problemas.

O presidente do comité de empresa do Consorcio en Lugo, Álvaro Negreira, explicou que se viviron momentos "cun pouco de tensión" ao realizar os axentes un cordón que impedía pasar aos manifestantes á praza ante a Delegación da Xunta en Lugo.

"Non nos deixaban entrar, non nos deixaban pór a pancarta e empezáronnos a presionar e a tensionar", lamenta. Tras iso, expúxose aos policías que viñan "en actitude pacífica" e só se quería poder ensinar a pancarta, polo que se deixou pasar a un grupo reducido á praza.

Mesa de negociación

Así, Negreira censura a "pasividade por parte das administracións" ante as súas condicións laborais. Explica que nesta protesta participaron profesionais chegados de diferentes puntos da Galiza para denunciar a súa situación de precariedade laboral "porque practicamente todos os consorcios están igual, xestionados pola Xunta".

Denuncia problemáticas como falta de persoal e que non hai os mínimos necesarios nas quendas para garantir a súa seguridade e "as dos propios cidadáns".

O presidente do comité lamenta que a mesa de negociación do convenio colectivo en Lugo, iniciada en 2021, está rota ao non haber avances por parte da Xunta. Recrimina a "falta de respecto" de propostas do Goberno galego, tales como apostar por servizos mínimos de tres efectivos no canto da reclamación de catro ou cinco persoas que demandaban os traballadores, ademais de proposicións "ridículas" en relación ao pago de horas extras, que cre que buscan "non chegar a acordo". Por todo iso, os bombeiros de consorcios provinciais demandan "condicións dignas como teñen os bombeiros municipais".

Comentarios