Bombeiros comarcais do consorcio de Lugo inician a folga indefinida que se estenderá a toda a Galiza o 15 de xuño

En Lugo, a mesa de negociación do convenio colectivo, iniciada en 2021, está rota ao non haber avances por parte da Xunta da Galiza.
Carga policial contra os bombeiros en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
photo_camera Carga policial contra os bombeiros en Lugo. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)

Os bombeiros comarcais do Consorcio de Lugo iniciaron esta sexta feira, 9 de xuño, a folga indefinida para demandar melloras laborais, que se estenderá a toda a Galiza desde o 15 de xuño.

O presidente do comité de empresa do Consorcio en Lugo, Álvaro Negreira, explica que se fixan uns servizos mínimos sen consultar co comité de folga e que corresponden con 100%, o que "está a demostrar" que as gardas que se fan habitualmente están "baixo mínimos".

En Lugo son uns 120 bombeiros comarcais -cuxo labor é o de actuación en incendios urbanos, accidentes e apoio en incendios forestais nos que se ameazan vivendas- en seis parques do Consorcio: Barreiros, Viveiro, Vilalba, Chantada, Sarria e Monforte de Lemos.

En Lugo, a mesa de negociación do convenio colectivo, iniciada en 2021, está rota ao non haber avances por parte da Xunta. Por iso, decidiuse comezar con esta protesta desde esta sexta feira, do mesmo modo que bombeiros comarcais do Salnés xa están en folga.

Con todo, a vindeira quinta feira, 15 de xuño, comezará unha folga indefinida a nivel galego á que están convocados os preto de 500 bombeiros de ao redor de 25 parques en todo o país.

Conversión a persoal laboral

Con esta folga ás portas do verán reclaman que se cumpra unha sentenza do Tribunal Supremo do ano pasado para a conversión a persoal laboral fixo dos efectivos, á vez que demandan un convenio galego coas mesmas condicións para os traballadores.

Tamén piden que se cumpran cos mínimos necesarios de persoal para o funcionamento dos parques e mellora de medios.

Paralelamente, en diferentes parques da Galiza os profesionais denuncian problemas pola falta de persoal para as actuacións. A modo de exemplo, o parque de Carballo quedou con só dous bombeiros de quenda desde as 15 horas desta sexta feira.

Comentarios