Os bombeiros comarcais agudizan as protestas ante a inacción das Administracións para resolver o conflito

Tras catro meses de folga nos que non fixeron horas extras, o persoal tamén realizará paros durante o horario ordinario.
Bombeiros comarcais, esta sexta feira diante da Deputación de Pontevedra (Foto: Nós Diario).
photo_camera Bombeiros comarcais, esta sexta feira diante da Deputación de Pontevedra (Foto: Nós Diario).

Máis de 200 bombeiros dos parques comarcais, en folga desde xuño, protestaron esta sexta feira ante a Deputación de Pontevedra, na primeira acción reivindicativa dun calendario de protestas que continuará a vindeira segunda feira fronte á Deputación de Ourense, o 27 de outubro na da Coruña e o 31 na de Lugo. Ademais, para o día 17 de novembro convocaron unha manifestación en Compostela, a cidade onde está a sede da Xunta da Galiza.

En total hai 25 parques comarcais de bombeiros en todo o país e o seu persoal quere que se aprobe un convenio único para todos eles coa finalidade de "dignificar" a profesión cunha "valoración acorde" á importancia das súas tarefas. Ademais,  reivindican a contratación inmediata de máis efectivos.

O presidente do comité de folga e delegado da CIG, Ángel Moldes, reclamou ás Administracións "que se reúnan connosco para pór fin a este conflito que leva aberto desde principios do verán e que está a fechar parques por toda a Galiza".

"Os políticos parece que non teñen présa por arranxar isto", lamentou o portavoz do persoal, que defendeu que a suba salarial que demandan "vai moi por baixo de calquera parque municipal dos existentes no país".

O presidente do comité de folga explicou que un bombeiro comarcal cobra de media entre 1.200 e 1.300 euros líquidos ao mes. "Non se valora nin o posto, nin o perigo, nin a nocturnidade", sinalou o representante.

Ademais, o colectivo de bombeiros comarcais, composto por perto de 500 profesionais,  tamén reivindica que as Administracións cumpran a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) do ano pasado que estabelece que deben pasar a ser persoal laboral fixo.

Até o momento, os paros estábanse cinguindo a non realizar horas extras, o que supuxo o fechamento de parques pola carencia de persoal que reivindican. Porén, a partir de agora, acordaron que “calquera bombeiro comarcal pode exercer libremente o seu dereito para secundar a folga, nos termos e condicións que estabelece a lei”.

Comentarios