O BNG advirte do perigo de fechar os parques de bombeiros comarcais

Tabarés urxe a Xunta da Galiza a negociar co persoal en folga
O deputado do BNG no Parlamento galego, Iago Tabarés (Foto: Nós Diario).
photo_camera O deputado do BNG no Parlamento galego, Iago Tabarés (Foto: Nós Diario).

O deputado do BNG Iago Tabarés denunciou esta cuarta feira, 16 de agosto, a falta de medios materiais e persoais que veñen sufrindo os Consorcios Provinciais de Incendios e Salvamento, unhas carencias que xa teñen obrigado ao feche dalgúns parques comarcais de bombeiros, como sucedeu cos de Vilagarcía (O Salnés), Viveiro (A Mariña), Verín ou Bueu (O Morrazo).

"No momento de maior risco de incendios estanse fechando parques por falta do persoal necesario, o que provoca unha deficiente cobertura nas emerxencias", advertiu o deputado nacionalista, que lembrou que recentemente se tiveron que mobilizar bombeiros desde O Porriño (comarca de Vigo) para atender unha alerta por incendio en Cangas (O Morrazo) porque estaba fechado o parque de bombeiros de Bueu. 

Goberno "neglixente"

Iago Tabarés achacou á "intransixencia e neglixencia" da Xunta o feche dos parques, pois o Goberno liderado por Alfonso Rueda "tense negado a negociar cos traballadores e coas traballadoras dos mesmos", inmersos nun conflito laboral que o pasado mes de xuño os levou a convocar unha folga pola que deixaron de realizar, de maneira voluntaria, horas extraordinarias. "Esta medida evidenciou a carencia de persoal existente", denunciou o deputado nacionalista.

Ante a persistencia do conflito e as consecuencia do mesmo, o BNG exixe de novo á Xunta da Galiza que sente a negociar co persoal dos consorcios, que reclaman á Administración melloras laborais e sociais e, conforme os criterios estabelecidos polo Tribunal Supremo, a integración como persoal laboral do cadro que fora subrogado cando os parques comarcais pasaron á xestión pública directa.  

Tabarés criticou tamén o Goberno do PP por non ter adoptado medidas para paliar a situación, pero tamén por "agravala aínda máis" ao "derivar aos parques comarcais traballos que corresponden á propia Administración galega e cuxa execución corresponde á empresa pública Seaga".

Neste sentido, preguntou cantos foron os niños de velutina retirados diariamente en Galiza durante este ano 2023, e cales deles foron retirados por intervención da empresa pública Seaga e cales polo persoal dos parques comarcais pertencentes aos Consorcios Provinciais de Bombeiros. 

Comentarios