O BNG pide a demisión do secretario xeral de Política Lingüística polo 'escándalo' Celga

A deputada Ana Pontón acusou a Valentín García de ''persecución contra persoas que reclamaron os seus dereitos laborais''. O secretario xeral afirma que a este goberno tocoulle lidiar cun 'problema' que vén de hai anos.

Celga

O BNG pediu formalmente a demisión do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, polos despedimentos do Celga. A parlamentar Ana Pontón dirixiuse o secretario xeral no transcurso do ebate na Comisión de Educación para recriminarlle que “non é digno de ocupar ese posto”.

Fíxoo despois de que emprazase a Valentín García a “rectificar” e a poñer fin a intolerábel represión” das medio cento de persoas que impartiron estes cursos de galego para adultos e foron despedidos por ''reclamar os seus dereitos''.

“Ten vostede a oportunidade de rectificar”

A deputada nacionalista afirmou que “é grave que unha administración pública persiga traballadores por defender dereitos laborais básicos”, en referencia ao profesorado en desemprego que, a través de listaxes públicas e abertas, accedía a dar estes cursos.

A denuncia ante Inspección de Traballo (pois non tiñan contrato) deriva nunha resolución recoñecendo que este profesorado tiña relación laboral clara coa Consellería e a Xunta tiña que dalos de alta con efectos retroactivos. A consellería opta por prescindir deles e que os cursos os impartan docentes en activo.

Pontón dirixiuse a García e reiteroulle: “Ten vostede a oportunidade de rectificar”.

“Podiamos externalizar e non o fixemos”

O secretario xeral de Política Lingüística defendeuse sinalando que o actual goberno ten que apandar cunha situación que vén de moi atrás. “En 2006 cambiouse todo o sistema Celga menos o de contratación de persoal. O problema medrou e nós tivemos que arranxalo agora”.

Valentín García mesmo apelou á responsabilidade e manifestou que “Podiamos suspender os cursos. Pero por responsabilidade, non o fixemos. Podiamos externalizar toda a formación, como o goberno vasco”.

Comentarios