O BNG interpelará esta semana o ministro de Industria sobre a solución para Alcoa

A deputada Rosana Pérez levará ante o Congreso de Madrid unha iniciativa que terá que ser votada en próximas sesións namentres que a súa organización insiste en pedir unha tarifa eléctrica galega.

Congreso español
photo_camera Congreso español

O BNG esixirá a vindeira cuarta feira ao ministro de Industria, José Manuel Soria, que aclare ao Congreso de Madrid que fará para evitar que o posíbel encerramento da factoría de Alcoa na Coruña acabe coa perda duns 400 empregos.

O asunto xa estivo a piques de tratarse na sesión de control ao Goberno da semana pasada, pero a ausencia de Soria nese Pleno provocou que as preguntas quedaran para esta cuarta feira, cando ademais dos nacionalistas galegos tamén desde Foro Asturias requirirán ao ministro que tome medidas "propias de Boletín Oficial do Estado" para evitar o fechamento de Alcoa en Avilés, a outra planta ameazada xunto á coruñesa. 

Na procura de solucións irá tamén a interpelación que a deputada do BNG Rosana Pérez ten previsto dirixir ao titular de Industria esta cuarta feira. No seu caso, a iniciativa dará lugar á votación dunha moción no próximo Pleno, seguramente en xaneiro ou febreiro ao pararse a actividade no Congreso por vacacións de Nadal. Ademais, o BNG volverá a demandar unha tarifa eléctrica propia para Galiza, ao ser esta exportadora de enerxía. 

Mobilización

O pasado 24 de novembro a multinacional do aluminio confirmou a súa intención de estudar o encerramento das súas fábricas de Avilés e A Coruña após "non obter prezos competitivos na poxa eléctrica” que tivo lugar a semana anterior. Case 10.000 persoas apoiaron a continuidade de Alcoa nas rúas da Coruña nunha manifestación a pasada sexta feira.

Comentarios