Adeus a dar parte dunha baixa médica á empresa a partir de abril: así mudarán os procesos de incapacidade temporal

Cinco chaves dos cambios lexislativos que vén de introducir o Goberno estatal e que esta quinta feira recolle o BOE.
Desde este sábado 1 de abril elimínase a obriga de notificar as baixas laborais ás empresas.
photo_camera O médico só entregará unha copia da baixa ao traballador. (Foto: Nós Diario)
  1. Desde o 1 de abril
  2. Unha única copia da baixa
  3. A Administración, responsábel de trasladala á empresa
  4. Obrigas das empresas
  5. Será sempre necesario?

As traballadoras e traballadores que temporalmente estean incapacitados para desenvolver a súa actividade laboral deixarán de estar obrigados a entregar á súa empresa o parte médico de baixa, segundo consta no real decreto que modifica determinados aspectos da xestión e control dos procesos de incapacidade temporal (IT) nos primeiros 365 días da súa duración e que foi publicado esta quinta feira no Boletín Oficial do Estado (BOE).

Desde o 1 de abril

A norma, aprobada no último Consello de Ministros de 2022, ten por obxectivo axilizar trámites e eliminar obrigas burocráticas, e afectará os procesos de incapacidade temporal que se atopen en curso no momento da súa entrada en vigor —1 de abril— sempre que non superasen os 365 días de duración.

Unha única copia da baixa

O Goberno estatal defende que os cambios introducidos na xestión destes procesos supoñen "un importante beneficio" para as empresas, os traballadores e para os propios facultativos do sistema de saúde. Así, no relativo aos partes médicos de baixas e altas, a norma estabelece que só se entregará unha copia ao traballador, eliminando tanto a segunda copia como a obriga do traballador de entregar esta copia na empresa, entidade xestora ou mutua.

A Administración, responsábel de trasladala á empresa

Será a Administración a que, por medios telemáticos, comunique ás empresas a expedición dos partes médicos dos seus traballadores, evitando así trámites que poden resultar "gravosos" para persoas que están en situación de incapacidade temporal. Co modus operandi tradicional, que estará en vigor até o 31 de marzo, o médico entrega ao traballador, alén do parte médico, unha copia en papel dos partes médicos de baixa, confirmación e alta médica para que a presente, nun prazo determinado, na empresa, a cal, á súa vez, debe cumprimentar certos datos requiridos nos mesmos e remitilos á entidade xestora.

"Con todo, o grao de desenvolvemento actual dos sistemas informáticos permite prescindir da entrega á persoa traballadora da copia en papel do parte médico destinada á empresa e da súa presentación por aquela nesta", argumenta o Goberno. Deste modo, a partir do 1 de abril, o facultativo que expida o parte médico de baixa, confirmación ou alta entregará a unha copia ao traballador, pero será o servizo público de saúde ou, no seu caso, a mutua ou a empresa colaboradora a que remita os datos contidos nos partes médicos de baixa, confirmación e alta ao Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) por vía telemática.

Terá que facelo de maneira inmediata, e, en todo caso, no primeiro día hábil seguinte ao da súa expedición, segundo determina o real decreto. Á súa vez, o INSS comunicará ás empresas os datos identificativos de carácter meramente administrativo relativos aos partes médicos de baixa, confirmación e alta emitidos polos facultativos do servizo público de saúde ou da mutua, referidos aos seus traballadores, "como máximo no primeiro día hábil seguinte ao da súa recepción no devandito Instituto".

Obrigas das empresas

As empresas terán a obriga de transmitir ao INSS, a través do sistema de Remisión Electrónica de Datos (REDE), con carácter inmediato e, en todo caso, no prazo máximo de tres días hábiles contados a partir da recepción da comunicación da baixa médica, os datos que se determinen mediante orde ministerial.

O incumprimento da citada obrigación poderá constituír, no seu caso, unha infracción leve das contempladas na Lei sobre Infraccións e Sancións na Orde Social (LISOS), sancionada, neste caso, con multa de 70 a 750 euros.

Será sempre necesario?

A citada transmisión non será obrigatoria cando o traballador pertenza a algún colectivo a respecto do cal a empresa ou empregador non teña obriga de incorporarse ao sistema REDE.

Ademais, o texto aclara que nos procesos de IT, o persoal facultativo poderá fixar prazos de revisión médica inferiores aos sinalados, en función da evolución do proceso. "Trátase así de evitar dúbidas interpretativas propiciadas pola redacción actual da norma", explica o Goberno español no documento que recolle esta quinta feira o BOE.

Comentarios