Escrivá anuncia descontos na xubilación anticipada para carreiras longas de cotización

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións avanza que esta é unha das modificacións que se van incluir no proxecto de lei de reforma das pensións, agora no Congreso.
O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá. (Foto: Europa Press)
photo_camera O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá (Foto: Europa Press).

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, anunciou a incorporación ao proxecto de lei para a reforma do sistema público de pensións de coeficientes redutores máis beneficiosos paras as persoas con carreiras longas de cotización que se xubilen ou xa se teñan xubilado anticipadamente. 

E é que, como explicou o ministro ao ser preguntado por esta cuestión, "aquelas que xa están xubiladas de maneira anticipada e que cumpran esa condición, tamén poderán aplicarse eses coeficientes reducidos máis beneficiosos".

Nesta liña, indicou que máis da metade das persoas que se xubilan no Estado español, fano con máis de 40 anos cotizados, situándose a media en 40,5 anos.

Na súa opinión, unha carreira de cotización particularmente alta debería ser aquela onde os anos de cotización alcanzan os 45.

En relación ás protestas que preparan algúns colectivos de pensionistas o próximo mes de outubro, o ministro sinalou que "non poden estar máis que extraordinariamente satisfeitos coa reforma" que o Executivo estatal levou ao Congreso co acordo dos axentes sociais, pois elimina moitas "incertezas" que tiña o colectivo.

Sobre se prevé dificultades para pactar o mecanismo de equidade interxeracional, Escrivá mostrouse "optimista" porque o concepto e o marco está acordado, de modo que cre que non será difícil fechar o deseño deste instrumento.

O ministro fixo estas declaracións na rolda de prensa na que avanzou os datos de afiliación do mes de setembro, no que se agarda un aumento dunhas 50.000 persoas, o que situará a cifra de ocupados en niveis que "folgadamente" superarían os que había antes da pandemia. 

Comentarios