Escrivá pide "dar un empurrón" ao atraso voluntario da xubilación

O ministro, por outra parte, prevé que no novo sistema de cotizacións as persoas autónomas poidan "saltar entre os treitos" en función de cadanseus rendementos netos.
O ministro José Luis Escriv. (Alberto Ortega/Europa Press)
photo_camera O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, nunha imaxe de arquivo (Foto: Alberto Ortega/Europa Press).

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, prevé que, no novo sistema de cotizacións, as persoas autónomas poidan andar "a saltar de treito" de rendemento neto en función das súas ganancias dun modo "extraordinariamente sinxelo".

Nun almorzo en Compostela organizado pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD), o ministro dixo ser "prudente" para "non anticipar algo" en "medio dunha negociación", aínda que remarcou que "vai haber un número de tramos" no que as e os autónomos poderán moverse até "seis veces ao ano", o que "vai ser moi fácil".

Destacou que haberá un período de adaptación, que "tamén está en negociación", para este novo sistema no que os autónomos cotizarán en función dos seus rendementos netos.

Así, o autónomo "pode moverse" e ao final do ano, en función de cales foron os seus rendementos netos, "haberá unha regularización", na cal dependerá en que tramo está.

"Se hai que regularizar e ten que achegar un pouco máis, pois se regulariza; se hai que devolverlle, devólveselle; se quere renunciar á devolución e acumular para o futuro, tamén o pode facer", explica. "Así vai funcionar", asegura.

O texto presentado polo Executivo expón un sistema flexíbel de trece treitos nas cotas, que van desde 184 a 1.267 euros mensuais e a posibilidade de cambiar ata esas seis veces ao ano.

Cómpre lembrar que o recente informe executivo GEM Galiza 2020-2021, realizado a partir de datos recollidos en setembro de 2020, evidenciou un cambio de tendencia nos motivos que levan as galegas e os galegos a se faceren autónomas.

Incentivar o atraso da xubilación

Noutra orde, Escrivá defendeu que o "camiño a seguir" é o de ofrecer incentivos para "dar un empurrón" a quen queiran atrasar a súa xubilación de forma voluntaria e "traballar un pouquiño máis".

Considera que a idade actual de xubilación, de 66 anos e dous meses —e que subirá a 67 en 2027— é "máis que axeitada", mais observa esa "marxe de mellora" en aquelas persoas que, "voluntariamente, queiran estender a súa xubilación", que, lembrou, "non é unha obriga, senón un dereito".

Comentarios