O ano comezou en Galiza cun aumento nos sinistros laborais graves e mortais

Este xaneiro foi o peor mes en accidentes laborais dos últimos tres anos.

sinistralidade laboral

O 2016 entrou con malos datos de sinistralidade laboral na Galiza. E iso que o 2015 despediuse batendo récords en canto accidentes laborais: Entre xaneiro e decembro (ambos inclusive) faleceron en Galiza 64 persoas por sinistralidade laboral. En todo o 2014 a cifra de traballadores mortos foi de 59. En 2013 foron 47 e en 2012, 45. Así pois, Galiza acumula catro anos consecutivos de aumento nas cifras de mortalidade por sinistralidade no traballo.

De 2010 a 2015 morreron en Galiza 332 traballadores en accidentes laborais.

Xaneiro deixou un total de 1.780 sinistros laborais de carácter leve no noso país, un lixeiro descenso a respeito do mesmo mes 2015 (rexistràranse 1.795). Mais en sinistros graves houbo un aumento: 37 en xaneiro de 2016 -máis dun cada día- fronte aos 24 de 2015 e os 29 de 2014. Un aumento do 54%. A maior parte dos sinistros graves decorreron no sector servizos (14), seguidos da pesca (8), da agricultura e industria (6 en cada un) e da construción (3 accidentes).

Tamén nos accidentes con resultado mortal xaneiro comezou peor que este mes de anos anteriores. O primeiro mes do ano deixou 3 traballadores mortos en sinistros laborais, un máis que en xaneiro de 2015 (2 falecidos). En xaneiro de 2014 morrera un traballador.

De 2010 a 2104, morreron no noso país 268 traballadores, unha media de un por semana. Aliás, o número de accidentes de carácter grave foi de 2.403, o que supón dez por semana, máis dun por día.

Comentarios