A Xunta aproba outro eólico de Greenalia ligado a Alcoa

As instalacións situaranse entre os municipios da Fonsagrada, Baleira, Becerreá e Navia de Suarna.
O parque eólico de Ourol entrou en funcionamento hai dous meses da man de Greenalia. (Foto: Nós Diario).
photo_camera O parque eólico de Ourol está operado por Greenalia. (Foto: Nós Diario).

A Xunta da Galiza outorgou esta terza feira a autorización administrativa previa e de construción ao parque eólico Restelo, un dos vinculados ao futuro da factoría de Alcoa en Cervo (A Mariña), que se situará entre os municipios da Fonsagrada, Baleira, Becerreá e Navia de Suarna, entre as comarcas dos Ancares e A Fonsagrada.

O complexo eólico de Restelo está formado por seis aeroxeradores para unha potencia instalada duns 40 megawatts. A instalación está impulsada pola eléctrica coruñesa Greenalia, a empresa en cuxo consello de administración senta a antiga conselleira de Medio Ambiente de Alberto Núñez Feixoo, Beatriz Mato.

O Goberno galego, coa resolución desta terza feira, xa concedeu autorización construtiva para unha ducia de parques vinculados a Alcoa, nove deles impulsados por Greenalia e tres por Enel, a compañía enerxética propiedade do Goberno italiano. Porén, aínda fican pendentes de autorización outros cinco parques promovidos por Enel, cuxa aprobación corresponde ao Executivo español.

As autorizacións destes complexos eólicos asociados a Alcoa non garante a continuidade da factoría da Mariña, dado que a dirección da multinacional négase a achegar máis fondos á planta e adía os compromisos de investimento, tal e como vén denunciando o seu persoal.

Comentarios