O comité de Alcoa exixe ao Goberno estatal realizar unha reunión de seguimento para "dar tranquilidade ao persoal"

O presidente do comité de Alcoa, José Antonio Zan, recrimina que "Alcoa cada vez manda unhas mensaxes máis claras de que nin está nin se lle espera, nin conta con estar no futuro".
O presidente do comité de empresa de Alcoa, José Antonio Zan (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press).
photo_camera O presidente do comité de empresa de Alcoa, José Antonio Zan (Foto: Gabriel Luengas / Europa Press).

O comité de Alcoa en San Cibrao, no municipio de Cervo (A Mariña), volveu demandar por terceira vez ao Goberno estatal que se convoque de forma urxente unha nova reunión de seguimento para buscar "unha saída definitiva" á fábrica.

Neste sentido, o presidente do comité de Alcoa, José Antonio Zan, criticou esta terza feira que este encontro entre Administracións, empresa e representantes do persoal "xa leva tres semanas de atraso" desde a data comprometida da que será a décimo sétima reunión de seguimento.

Así, recrimina que "Alcoa cada vez manda unhas mensaxes máis claras de que nin está nin se lle espera, nin conta con estar no futuro". Por iso, pide que sexa "canto antes" esa reunión co Goberno español e a Xunta da Galiza para "dar tranquilidade ao persoal e á comarca" sobre unha problemática que levan "catro anos sufrindo".

Todo iso mentres Alcoa prevé ter esta semana un total de 16 cubas en funcionamento no marco do proceso de rearranque gradual, que levou a que a planta volvese a producir aluminio primario despois de dous anos. O acordo asinado co persoal pasa por ter 32 cubas ao 1 de abril e continuar coa ampliación progresiva até o pleno funcionamento en outubro de 2025.

Así mesmo, a compañía anunciou a pasada semana un acordo para a compra por máis de 2.000 millóns de euros en accións da australiana Alumina Limited, propietaria de 40% da refinería de San Cibrao. Precisamente, o comité de empresa tamén pide unha reunión de seguimento da fábrica de alúmina, que leva desde novembro sen decorrer, a pesar de que a compañía "se comprometeu" a realizala mensualmente.

A Xunta propón realizar a reunión a semana que vén

Pola súa parte, a Xunta da Galiza enviou un correo esta terza feira ao Goberno do Estado español para propor tres datas da reunión de seguimento para a semana que vén. As tres opcións propostas son o 11, o 12 ou o 15 de marzo.

Comentarios