luns 01/03/21

Acusan Mercadona de despedimentos "arbitrarios" nas tendas da Coruña

Hoxe decorreu na Coruña unha concentración en protesta pola última rescisión dun contrato. A representación sindical detectou cinco marchas desde decembro, se ben di que poderían ser máis porque a compañía non lle achega información. Ademais, denuncia a elevada carga de traballo que se soporta desde o inicio da pandemia.
Imaxe de arquivo dunha campaña promocional da empresa. (Foto: Mercadona)
Imaxe de arquivo dunha campaña promocional da empresa. (Foto: Mercadona)

A empresa de distribución alimentaria Mercadona está a despedir “de maneira arbitraria” a algunhas das súas traballadoras en tendas da Coruña. Polo menos iso é o que asegura a CIG, que hoxe organizou unha concentración diante do supermercado da avenida de Oza, na Coruña, para pedir a readmisión dunha empregada.

A presidenta do comité e delegada da CIG, María López Alejos, e outras compañeiras amosaron o desacordo “cos despedimentos que está a executar a empresa de maneira totalmente arbitraria e inxustificada”.

A representante destaca que estas rescisións de contratos danse desde decembro. Até o de agora foron cinco persoas á rúa en distintos estabelecementos. No entanto, considera que a cifra podería ser máis elevada porque, segundo denuncia, a compañía non facilita a información á representación legal.

Aliás, a delegada da CIG subliña que o cadro de persoal de Mercadona “está sometido constantemente a un control exhaustivo das súas funcións, practicándoselles preavaliacións e avaliacións, de minucioso control e supervisión, nas que se recollen apreciacións que son absolutamente subxectivas, xa que non dependen de criterios prefixados e coñecidos, senón do que valore en cada momento a persoa encargada da tenda”.

Destes exames depende cobran ou non unha prima anual, pero segundo López tamén derivan “despedimentos á carta”. Por exemplo, detrás do sucedido no da tenda da avenida de Oza sostén que hai una “persecución” por “exercer os seus dereitos laborais”.

Criterios diferentes e carga de traballo

Desta forma, semella que a compañía pode “botar a quen lle veña en gana sustentando os despedimentos en supostos incumprimentos dos métodos de traballo internos que en numerosas ocasións lle solicitamos por escrito, pero que xamais accederon a proporcionárnolos, xerando unha indefensión total ás traballadoras”.

A representante di que, de feito, é difícil saber que agardar porque ante as mesmas circunstancias as actuacións son diferentes.

Máis alá dos despedimentos polos que se protesta agora, López advirte de que desde que comezou a pandemia polo menos en 23 tendas as e os operarios atenden a unha “enorme carga de traballo e o persoal atópase totalmente extralimitado en funcións, aínda que a empresa segue a aseverar que teñen o persoal preciso e escúsanse en problemas de organización e a imprevisibilidade da situación".

comentarios