Un acordo entre bombeiros comarcais e consorcios 'contraincendios' pon fin á folga dos últimos oito meses

O texto, asinado por representantes da Xunta da Galiza, das catro deputacións provinciais e dos sindicatos, prevé melloras nas condicións laborais referidas tanto ao reforzo de efectivos como aos salarios e horarios, entre outras cuestións.
Mobilización dos bombeiros esta sexta feira en Compostela. (Foto: Eva Cid Rivas)
photo_camera Mobilización dos bombeiros en Compostela. (Foto: Eva Cid Rivas)

Representantes dos Consorcios Provinciais Contraincendios e Salvamento e das forzas sindicais dos Bombeiros Comarcais mantiveron esta quinta feira unha xuntanza no Consello Galego de Relacións Laborais onde se chegou a un principio de acordo para desconvocar a folga dos últimos meses.

O texto, asinado por representantes da Xunta da Galiza, das catro deputacións provinciais e dos sindicatos, prevé melloras nas condicións laborais referidas tanto ao reforzo de efectivos como aos salarios e horarios, entre outras.

Así, continuarase coa negociación para acadar melloras laborais nos centros de traballo dos consorcios provinciais de bombeiros das catro provincias galegas, é dicir, nos 24 parques comarcais da Galiza.

No acordo prevese tamén crear unha mesa de negociación para concretar a redacción dun novo convenio colectivo e dunha nova Relación de Postos de Traballo (RPT)

Os bombeiros comarcais, reunidos en asemblea, rexeitaban esta segunda feira a última proposta das Administracións para desbloquear o conflito e desconvocar a folga indefinida. Disto informou o comité de folga nun comunicado. Agora, os representantes dos bombeiros están convocados a unha nova xuntanza con integrantes da Xunta da Galiza e das Deputacións esta quinta feira, 1 de febreiro, "para ver a posibilidade de asinar un acordo que satisfaga ás partes".

Os bombeiros comarcais levaban en folga indefinida desde o 15 de xuño de 2023, unha protesta que incluíu unha acampada na praza do Obradoiro de Compostela durante perto dun mes. 

Reclamaban un convenio colectivo a nivel galego, maior dotación de medios técnicos e de recursos humanos, así como emprego fixo de acordo coa doutrina do Tribunal Supremo de xaneiro de 2022. Aumento salarial, melloras laborais e incremento de efectivos son algunhas das demandas que reclaman estes profesionais.

Ademais, a súa negativa a facer horas extras para evidenciar a falta de persoal provocou nos últimos meses multitude de fechamentos de parques por todo o país varios días.

Comentarios