VÍDEO

Nova protesta dos bombeiros, que reclaman traballar todo o ano contra os incendios forestais: "Falta vontade política"

O persoal propón un servizo integral de emerxencias.
Protesta dos bombeiros forestais esta quinta feira ante as dependencias da Xunta en San Caetano, Santiago. (Foto: Arxina)
photo_camera Protesta dos bombeiros forestais esta quinta feira ante as dependencias da Xunta en San Caetano, Santiago. (Foto: Arxina)

Brigadistas do Servizo de prevención e defensa contra incendios forestais (Spdif), conformado por perto de 1.200 efectivos que traballan os 12 meses e máis de 800 que o fan unicamente seis meses ao ano, concentráronse esta quinta feira diante do edificio administrativo da Xunta da Galiza, en Santiago de Compostela, para reclamar os seus dereitos e un servizo público integral de emerxencias no medio rural.

"Non hai vontade política, a Administración só activa a mesa de negociación cando o persoal se mobiliza, mais así non imos a ningures, se non atenden haberá máis mobilizacións e accións de protesta", sinalou en conversa con Nós Diario a responsábel da CIG-Administración Autonómica, Zeltia Burgos.

Denunciaron, ademais, que o anuncio de aumentar os meses de traballo por parte do presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, foi “claramente electoralista” e que a Administración Pública está constantemente paralizando as negociacións. “Entendemos que iso se pode facer xa, que se tiña que ter feito hai moito tempo”, denunciou Burgos, que asegurou que "o persoal segue a traballar como fixo descontinuo seis meses ao ano".

A sindicalista lembra que presentoue á Xunta un plan de reorganización do servizo “que tiña un custo de practicamente cero” e que levan máis dun ano e medio con mobilizacións e tratando de chegar a un acordo que asegure os dereitos laborais do persoal do sector de extinción de incendios forestais.

O colectivo reclamou tamén "acabar coa suspensión de dereitos imposta pola Xunta en 2012. Non hai compensación por traballar festivos e domingos nin vacacións reguladas, isto ten que estar regulado nun convenio que este persoal, a esta altura, non o ten, está sen dereitos laborais”, incidiu Burgos.

A responsábel do sector da Administración autonómica da CIG demandou, así mesmo, un servizo profesional público de extinción e de atención de multiemerxencias no medio natural e rural, que poida actuar en casos como a crise dos pellets que asolagou o litoral da Galiza. 

Comentarios