6.000 sinaturas piden melloras laborais en escolas infantís privadas

Exixen a mediación da Consellaría de Política Social, ao depender dela este sector
Traballadoras e traballadoras de escolas infantís privadas, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Traballadoras e traballadoras de escolas infantís privadas, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)

Unha vintena de delegadas da CIG-Ensino que traballan nas escolas infantís privadas e de xestión indirecta entregaron esta quinta feira no rexistro da Confederación de Empresariado da Galiza (CEG) perto de 6.000 sinaturas recollidas en tan só tres semanas para demandar melloras laborais para o persoal destas escolas de 0 a 3 anos, no marco da negociación do seu convenio colectivo. 

O responsábel deste sector na central sindical nacionalista, Henrique García, destacou "a indignación e a impotencia" que sente este colectivo, conformado por máis de 2.000 traballadoras e traballadores na Galiza, ante o "inmobilismo das negociacións do convenio estatal". Logo de 15 mesas de negociación nos últimos dous anos e do "bloqueo" patronal a ceder ante ningún avance, na actualidade o conflito está no Servizo de Intermediación e Arbitraxe (SIMA), no que un xuíz debe mediar se se aplica con retroactividade algunha suba salarial, indican desde a CIG.

Os representantes sindicais consideran que a situación en Galiza é diferente á do resto do Estado español, dado que "aquí a matrícula en todas as escolas infantís é gratuíta, o que fai que as empresas ao ter esa subvención por parte da Xunta da Galiza, teñan máis marxe de beneficio" para mellorar as condicións do seu persoal e "aplicar cando menos unha actualización salarial". 

Mediación de Política Social

Con todo, as súas reclamacións son "salarios dignos e acordes á súa responsabilidade, a atención directa e continua en xornadas semanais de 38 horas de crianzas de 0 a 3 anos, con subas retributivas acordes ao IPC". Dada a situación peculiar de Galiza piden que a Consellaría de Política Social interveña directamente na situación "dado que ten competencias para facelo, ao depender dela este sector".

“Nestes momentos poucos sectores teñen peores condicións de traballo ca nós e a complexidade do noso traballo leva aparellada unha responsabilidade moi grande", explicou Ana Rodríguez, traballadora dunha escola de Arteixo (comarca da Coruña).

Comentarios