27.000 galegos e galegas, pendentes da negociación dos ERTE

As traballadoras e traballadores afectados por un ERTE na Galiza agardan que esta semana haxa un acordo definitivo sobre a prórroga destes procedementos. As exoneracións das cotas e a intención do Goberno español de primar determinados sectores son os puntos de fricción.
Goberno, sindicatos e patronal agardan fechar esta semana a negociación para prorrogar os ERTE (Foto: Europa Press)
photo_camera Goberno, sindicatos e patronal agardan fechar esta semana a negociación para prorrogar os ERTE (Foto: Europa Press)

Centos de galegos e galegas, preto de 27.000 segundo os últimos datos, agardan con inquedanza un acordo entre Goberno español, patronal e sindicatos para extender a vixencia dos expedientes de regulación temporal de emprego (ERTE) máis aló do vindeiro 30 de setembro. 

Desde a CIG, o seu secretario xeral, Paulo Carril, entende que os acordos sociais materializados desde o inicio do desconfinamento "van na liña contraria" do que, entenden, sería máis beneficioso para o conxunto da clase traballadora.

Segundo explica Carril a Nós Diario, calquera acordo que dea continuidade aos ERTE debe asentarse en varias premisas. A primeira, con carácter xeral, a derrogación das reformas laborais de 2010 e 2012. "É unha necesidade, xa que calquera decisión neste asunto é exclusiva da empresa, o que impide calquera tipo de negociación".

Outro aspecto sería a prohibición de compaxinar o ERTE con outras medidas como descolgamentos salariais, modificacións de convenios ou de condicións de traballo. Tamén ve necesario garantir o cobro de 70% da base reguladora e que a empresa estea obrigada a cubrir 100%.

Entre as premisas dese hipotético acordo, Carril tamén inclúe que os traballadores e traballadoras que estean en situación de desemprego desde 1 de xaneiro e non atopan saída pola falla de oportunidades teñan a mesma consideración que os dos ERTE e se lles poña o contador do tempo das prestacións "a cero". "Ir con estas premisas á negociación dun acordo sería o máis xusto, o máis necesario e o máis urxente", incide Carril. 

Mellor canto antes

Pola súa banda, a secretaria de Emprego de Comisións Obreiras (CCOO), Maica Bouza, sinala que desde o sindicato marcan como prioridades na negociación o mantemento dos ERTE "mentres sexan necesarios" e "nas mesmas condicións ou mellores que até agora", por exemplo mantendo a cobertura de 70% da base reguladora.

Como recoñece a este medio, aínda que o prazo para negociar remata a semana que vén, "sería importante desbloquear a negociación o antes posíbel por se houbese modificacións nas condicións". 

Refírese Bouza a aspectos que poidan exixir novos trámites administrativos, o que saturaría aínda máis as xestorías e traballadoras e traballadores sociais, e podería traer consigo atrasos no pagamento das prestacións.

Nesta liña, Paulo Carril lembra que o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) xa tivo problemas para dar continuidade aos pagamentos dos ERTE de forza maior cando mudaron a ERTE por necesidades produtivas. "Houbo moitas traballadoras que deixaron de cobrar polas modificacións de xullo e agosto e que aínda non cobraron. Na industria do automóbil hai moitos casos", apunta o secretario xeral da CIG. "Se non se habilita un procedemento especial pódese volver dar, e iso é un problema serio", advirte. 

Estado das negociacións

A unha semana de que venza o prazo para fechar as negociacións, aínda quedan algúns aspectos por fechar entre patronal, sindicatos e Goberno español, que hai tan só un días ofreceu aos axentes sociais exoneracións nas cotizacións empresariais á Seguridade Social superiores a 80% para os ERTE dos sectores máis afectados pola pandemia e das empresas vinculadas aos mesmos, sempre que demostren unha importante caída da súa facturación, aínda por precisar.

Segundo fontes da negociación, as exoneracións de cotas á Seguridade Social e a sectorialización dos ERTE son agora mesmo os principais escollos para chegar a un acordo na negociación.

Pola súa banda, sindicatos e patronal están en contra de enfocar os  ERTE só cara a determinados sectores e de exonerar en maior medida as reincorporacións de traballadores que saen de  ERTE en lugar de centralas nos que quedan.

No último encontro informouse de que se mantería o chamado 'contador a cero' para os novos  ERTE ou polo menos así llo comunicou o Executivo ás partes, aínda que este punto aínda está un pouco máis difuso e podería sufrir modificacións.

De momento, segundo fontes de UXT, os traballadores que a partir da data da prórroga dos  ERTE estean inmersos nun destes expedientes de regulación non consumirán paro se son despedidos ou se se extingue a súa relación laboral antes do 1 de xaneiro de 2022 (até 31 de decembro de 2021). A prestación que cobran os traballadores en ERTE seguirá sendo do 70% da base reguladora aínda que leven máis de seis meses cobrándoa, un punto sobre o que estaban de acordo todas as partes.

Comentarios