Concentracións da CIG denuncian unha prórroga dos ERTE “sen garantir os ingresos e os empregos”

As mobilizacións do sindicato nas cidades galegas reivindicou unha “saída galega xusta da crise”.

CIG mobilizacions ERTE
photo_camera (Foto: CIG)

A CIG concentrouse esta cuarta feira nas sete cidades galegas en rexeitamento ao segundo acordo asinado polo Goberno español, a patronal, CCOO e UGT para a prórroga dos ERTE, “mentres seguen plenamente vixentes as reformas laborais, das pensións e da negociación colectiva ou os recortes nas prestacións por desemprego e os servizos públicos”.

O sindicato mantén que este acordo concretado no Real Decreto Lei 24/2020 que hoxe se convalida no Congreso dos Deputados e Deputadas, “supón afondar no abuso patronal e un enorme prexuízo para o conxunto dos traballadores e das traballadoras”.

"Que neste acordo se siga mantendo a reforma laboral, tendo en conta a evolución da crise social e económica derivada da pandemia, xera as condicións perfectas para que estes ERTE rematen en despedimentos. Non derrogar cando menos os artigos da reforma laboral que seguen deixando en exclusiva nas mans das empresas as decisións dos despedimentos, permite que Alcoa ou BorgWarner poidan executar os seus plans de peches e deslocalizacións con total facilidade", advertiu o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, que participou na concentración realizada en Vigo.

Carril indicou que a partir do día 181 no desemprego, a prestación que se percibe baixa do 70% a tan só o 50% da base reguladora, “supondo un duro golpe para os ingresos dos fogares. Esta foi unha reforma nas prestacións que impuxo o PP en 2012 e que a día de hoxe tamén segue en vigor”. 

Comentarios