14 detidos no sector da lousa dos Ancares por estafar 5 millóns á Seguridade Social

A operación 'Dorma' destapa unha fraude composta por 19 sociedades.
Un traballador acomete a instalación dun tellado. (Foto: Lola Fdez. Nogales).
photo_camera Un traballador acomete a instalación dun tellado empregando a lousa como material (Foto: Lola Fdez. Nogales).

A Policía Nacional, en colaboración coa Tesourería Xeral da Seguridade Social, desenvolveu nos Ancares, tanto na parte galega como na de Castela e León, a operación 'Dorma', dirixida contra a fraude á Seguridade Social no sector da extracción e manipulación da lousa, nunha estafa que presuntamente alcanzou máis de 5 millóns de euros e que se saldou con 14 detidos.

As investigacións comezaron en marzo deste ano, tras recibirse un escrito-denuncia da Tesourería Xeral da Seguridade Social no que se requiría a actuación policial ante as diversas actuacións irregulares levadas a cabo polos administradores de distintas empresas co fin de eludir as súas obrigacións de pagamento coa Seguridade Social.

As firmas formaban un grupo empresarial creado e dirixido por un clan familiar dun pai e dos seus tres fillos, composto por, polo menos, 19 sociedades, informou a Policía. Estas mercantís foron constituídas ou adquiridas co "único fin" de eludir o abono da débeda que ía acumulando a empresa principal, ao incumprir a obriga do pagamento das cotizacións sociais do persoal laboral ao que se deu de alto na mesma.

Ademais, pretendíase evitar os posíbeis embargos e accións que puidese iniciar a Seguridade Social ao ocultar de forma consciente, voluntaria e deliberada o volume real de negocio. Á súa vez, valéronse de diferentes persoas interpostas para ocultar os auténticos responsábeis das empresas, nunha trama "perfectamente organizada" cun sistema deseñado para cometer fraude.

Actuación coordinada

O grupo actuaba de forma coordinada, con intereses comúns, dirección única, transvasamento de persoal laboral, utilización de sociedades-pantalla insolventes, elevado grao de comunicación entre empresas, facturación a terceiros da lousa extraída por outras mercantís do propio grupo, facturación cruzada entre elas e maquinacións fraudulentas concretadas na realización de negocios xurídicos para a transmisión das concesións públicas de extracción de lousa.

O obxectivo do grupo era centralizar e concentrar a débeda contraída coa Seguridade Social pola sociedade matriz mentres se realizaban as vendas producidas pola extracción de lousa a través doutras sociedades non debedoras. Así, impedíase o embargo das ganancias producidas ao ocultar de forma consciente e voluntaria a situación real do negocio. Con esta operativa consolidáronse como un dos produtores de lousa máis importantes da zona e conseguiron que a Consellaría de Industria da Xunta de Castela e León lles outorgara unha concesión de explotación administrativa.

Existiu unha sucesión na actividade de extracción e tratamento da lousa entre as sociedades investigadas, as cales operaban nun mesmo lugar e utilizaban conxunta e indistintamente maquinaria e vehículos. Á súa vez, compartían datos de contacto e existiu un domicilio centralizado desde o que se dirixían as operacións de todas as sociedades.

Ademais, adquiriron bens sen necesidade de financiamento externo, o que acreditaba un elevado poder adquisitivo, así como a nula intención de pagamento, ao preferir engrosar o patrimonio que abonar débedas.

A trama ameazaba o persoal e empregábao como home de palla

Outra práctica habitual do grupo empresarial era a utilización do persoal laboral, dándoo de alta e de baixa de forma conxunta e realizando transvasamentos masivos do mesmo cando o estimaban oportuno para a trama. En moitos casos o persoal era cambiado de empresa nun espazo de poucos días ou mesmo ao día seguinte de cesar na sociedade anterior.

O responsábel principal do conglomerado indicaba ás persoas traballadoras que mudaban de empresa por orde súa, e estas non tiñan posibilidade de negarse polas ameazas de despedimento.

Ademais, co obxectivo de ocultar os verdadeiros responsábeis das empresas, valéronse de múltiples homes de palla. A maioría eran traballadores das mercantís investigadas que non posuían nin formación nin experiencia laboral na administración de empresas.

Comentarios