Campaña audiovisual do cineasta Oliver Laxe

Gandería Heroica, posta en valor do traballo nos Ancares

A Casa Quindós, nos Ancares, foi o espazo elixido polo cineasta Oliver Laxe para presentar con A Carqueixa e o seu presidente, José Antonio Díaz, a campaña audiovisual Gandería Heroica de promoción da carne de tenreira da cooperativa.
WhatsApp Image 2021-03-15 at 19.07.31
photo_camera A presentación decorreu na casa Quindós, nos Ancares. (Foto: A Carqueixa)

A Casa Quindós, nos Ancares, foi o espazo elixido polo cineasta Oliver Laxe para presentar, nesta segunda feira, a campaña audiovisual Gandería Heroica. Un evento no que Laxe se acompañou do presidente da cooperativa A Carqueixa, José Antonio Díaz, coa que elaborou o proxecto.

A través das redes sociais do Sabor dos Ancares, o público pode ir coñecendo os 30 vídeos que compón esta campaña, unha iniciativa de comercialización directa de tenreira galega suprema da Carqueixa. Oliver Laxe explicou en conversa con Nós Diario que aínda que noutras ocasións lle ofreceron a posibilidade de facer publicidade "sempre me neguei, pero isto é diferente, é épico e merecen ter o foco".

Para o director de O que arde, "a sociedade está en débeda con esta xente, que quedaron aquí e traballan nestas condicións", en referencia a unha orografía complexa, ao distante de servizos como un matadoiro... "E ademais o seu labor reverte na prevención de incendios", engade, posto que o traballo do pastoreo supón un "cortalumes natural".

Segundo o cineasta, esa “gandaría heroica, esta veciñanza que quedou aquí, foi a que mantivo acesa a chama da candea dos Ancares”. Neste sentido, concluíu que “con todo en contra, coidaron dos Ancares con esas invisíbeis vacas libres que salpican a paisaxe, esas que fan a transhumancia até os Ancares bercianos, con todo o que implica a nivel cultural, paisaxístico e medioambiental”, recalcou. 

No referido á venda directa en liña que se fai desde O Sabor do Ancares, Oliver Laxe tamén quixo destacar que "o noso voto está na cesta da compra, porque ese é o mellor modo que temos de cambiar as cousas".

A Carqueixa e Inditex

A multinacional galega Inditex coñeceu a Gandería Heroica, visita tras a que chegaron a un acordo coa cooperativa A Carqueixa. Así, as persoas que traballan na factoría de Inditex en Sabón levan xa un mes degustando esta carne que se serve en todos os comedores da empresa.

Para Laxe, alén "das contradicións que temos as persoas e aínda maiores as empresas", esta iniciativa dá a entender que na multinacional "saben que sustentabilidade é cara" mais afróntana. "No meu mundo ideal as elites económicas, culturais e políticas están ao servizo", puntualizou.

Comentarios