“Daniel ía uns dous metros diante miña, co buzo debaixo do brazo. Recibe un tiro e cae dobrado, cara a atrás, diante miña”. Daniel é Daniel Niebla, un dos dous obreiros asasinados (o outro é Amador Rey) na represión policial do 10 de marzo de 1972 contra os traballadores de Bazán que se manifestaban en Ferrol. Quen lembra, Rafael Pillado Lista, dirixente na altura do PCE e CCOO. “En Ferrol había entón, e despois de moitos anos de construción, un movemento obreiro potente, forte e organizado”, sostén. Algo do que o franquismo tiña coñecemento e que lle preocupaba.
O responsábel dos servizos secretos franquistas, Coronel Sanmartín, recolle no seu informe El libro rojo de la subversión que entre as zonas perdidas para o réxime de Franco están as minas asturianas, o País Vasco e “Bazán e a Ría de Ferrol”. Pasou case medio século desde aquela. O 10 de marzo está asentado no calendario de Galiza como o Día da Clase Obreira Galega. Este sábado varias mobilizacións percorrerán o noso país da man de diferentes sindicatos: CIG a CCOO.
CIG
O sindicato nacionalista mobilizarase pola recuperación dos dereitos laborais e sociais e contra a precariedade e a pobreza. “Corremos o perigo da consolidación dunha situación social sen saída, dun empobrecemento xeneralizado e do asentamento, de forma permanente, das novas formas de explotación laboral, das cadeas interminábeis de subcontratación, dos falsos autónomos, de empresas multiservizos, xunto cunha interminábel emigración que, desde o comezo da crise, significou a marcha da Galiza de 153.000 mozos e mozas”.
Ferrol, 12:00 horas manifestación dende o local do sindicato (Avenida do Esteiro) até o monumento ao 10 de Marzo, onde se realizará a tradicional ofrenda floral.
Vigo, 12:00 horas manifestación dende o cruce da Dobrada.
CCOO
Comisións Obreiras (CCOO) mobilizarase baixo o lema “Á ofensiva contra a precariedade”. O sindicato fai un chamamento á sociedade galega para “emprender a necesaria ofensiva contra a precariedade laboral”, como apunta no manifesto que fai público con motivo desta data.
Ferrol
11.00 horas: ofrenda floral no monumento ao Dez de Marzo
11.30 horas: manifestación desde o monumento ata o Cantón
13.00 horas: entrega dos Premios 10 de Marzo no Auditorio Torrente Ballester. Este ano recaen en Aurelio Ledo, Olga Zurrón e Emilio Pérez Touriño