Parlamento

A xestión do litoral, os eólicos e a situación da vivenda marcarán a vindeira sesión plenaria no Parlamento galego

Parlamento galego (Foto: Nós Diario).
Os nacionalistas, que interpelarán a conselleira de Vivenda pola "falcatruada" que quere "atribuír toda a carga da proba" aos concellos na declaración das zonas tensionadas en materia de vivenda, introducirán tamén iniciativas sobre a situación eólica e a "inseguridade xurídica" que se está dando neste sector como consecuencia das decisións da Xunta.

O debate de tres textos lexislativos e as comparecencias da conselleira de Medio Ambiente e Vivenda, Ángeles Vázquez, e do titular de Medio Rural, José González, cargan a próxima sesión plenaria, a penúltima do período de sesións, na cal a xestión do litoral e as súas competencias e o deseño eólico serán protagonistas.

Ademais, debido a que a cuarta feira é festivo pola ponte da constitución, as sesións celebraranse a segunda e terza feira, de forma excepcional, de maneira que ese segundo día o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, deberá contestar a preguntas sobre a xestión eólica, a cargo do PSdeG, e da situación da sanidade pública, neste caso por parte do BNG.

Concretamente, o pleno arrincará con dous textos lexislativos impulsados polo Goberno: a aprobación definitiva da lei de artesanía da Galiza e a toma en consideración da lei de cultura inclusiva. Pola súa parte, o BNG volverá levar a súa proposición de lei para o traspaso da xestión das competencias do litoral, despois de que a normativa de costas impulsada pola Xunta quedase suspendida en 40% tras o recurso ante o Tribunal Constitucional por parte do Goberno español.

Precisamente, este recurso e a situación derivada da suspensión será a que traia Ángeles Vázquez á comparecencia que protagonizará no pleno da semana que vén, un asunto que os socialistas levarán en forma de proposición non de lei. Pola súa parte, o titular de Medio Rural fará o balance da tempada de alto risco de incendios deste ano.

Na rolda de prensa posterior á xunta de portavoces, a socialista Begoña Rodríguez Rumbo, que condenou os últimos ataques machistas contra mulleres na Galiza, avanzou que o Grupo Socialista preguntará ao presidente pola súa "insolvencia" á hora de xestionar o aproveitamento enerxético, por unha parte por "ser incapaz de elaborar un plan eólico" e, por outra, ante as sentenzas e resolucións xudiciais que suspenden a tramitación de parques.

"Novo chiringuito"

"Ante esta situación, opta por crear un novo chiringuito opaco para a xestión dos recursos da Galiza, deixando en mans privadas a xestión dos recursos naturais", denunciou na rolda de prensa, na cal acusou o mandatario galego de falta de "impulso e ambición".

Os nacionalistas, que interpelarán a conselleira de Vivenda pola "falcatruada" que quere "atribuír toda a carga da proba" aos concellos na declaración das zonas tensionadas en materia de vivenda, introducirán tamén iniciativas sobre a situación eólica e a "inseguridade xurídica" que se está dando neste sector como consecuencia das decisións da Xunta.

Ademais, o BNG introduciu unha proposición de lei para lograr o traspaso do dominio público marítimo terrestre. "Xa houbo un intento previo e volvemos á carga", anunciou, ante o conflito pola "intransixente" postura do Goberno español e da Xunta, que "buscou a confrontación" con esta cuestión.