O BNG ve "boicot" da Xunta á declaración de zonas tensionadas de vivenda

Bará di que 120 concellos cumpren os requisitos
Luís Bará, do BNG, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Luís Bará, do BNG, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

O deputado do BNG Luís Bará acusou o Goberno galego de “boicotear pola porta de atrás” e de maneira “unilateral” a declaración de zonas tensionadas de vivenda, cargando aos concellos cunhas competencias que debe exercer a Xunta da Galiza e estabelecendo unhas condicións que, na práctica, perseguen que “non se faga nada”.

Bará referiuse así a emenda presentada polo PP á Lei de Acompañamento dos Orzamentos de 2024 para modificar a Lei de Vivenda, unha emenda “trampa” que, ao seu xuízo, dificulta a declaración de zonas tensionadas, creará conflitividade institucional cos concellos, e responde aos intereses da patronal inmobiliaria, que obrigatoriamente terá representación nas mesas sectoriais que se terán que crear para a tramitación. “É como pór o raposo a coidar das galiñas”, asegurou.  

O viceportavoz da formación nacionalista no Parlamento instou o Goberno de Alfonso Rueda a que “deixe de facer oposición a Galiza e aos concellos” e rectifique este “procedemento tortuoso e arrevesado” que, segundo salientou, ten por obxectivo “pór atrancos”  ás corporacións municipais que amosen interese nesta figura pensada para controlar o prezo do mercado. 

Explicou, neste sentido, que na Galiza existen 120 concellos que a priori cumpren os requisitos esixidos para declarar zonas tensionadas de vivenda e algúns, como Santiago, A Coruña ou Pontevedra, xa teñen amosado interese en que se faga ou o están estudando. 

O procedemento que pretende "impor o PP aos concellos", explica Bará, implicaría, entre outras cuestións, a creación dunha mesa sectorial “na que curiosamente deben estar representados os máis interesados en que non baixe o prezo da vivenda”, dixo en alusión aos axentes da propiedade inmobiliaria e persoas promotoras de vivenda. 

Tamén falou onte o presidente da Xunta de vivenda na entrega de 40 vivendas protexidas no barrio coruñés de Xuxán. Alí, Rueda avogou por "priorizar" a vivenda pública de aluguer por ser "máis áxil".

Comentarios