Parlamento

Unanimidade no Parlamento contra a sinistralidade no sector naval da ría de Vigo

A Comisión 6ª de Industria aprobou esta sexta feira por unanimidade unha proposición non de lei do BNG contra a sinistralidade no sector naval da ría de Vigo e mellora das condicións laborais para frear o incremento de accidentes e perda de vidas humanas.
Centos de persoas enchen as rúas de Vigo en protesta polo operario morto no estaleiro (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).
photo_camera Centos de persoas enchen as rúas de Vigo en protesta polo operario morto no estaleiro (Foto: Javier Vázquez / Europa Press).

A Comisión 6ª de Industria aprobou esta sexta feira por unanimidade unha proposición non de lei do BNG contra a sinistralidade no sector naval da ría de Vigo e mellora das condicións laborais para frear o incremento de accidentes e perda de vidas humanas.

A iniciativa, defendida pola nacionalista Carmela González, conseguiu o apoio completo da comisión parlamentaria.

A deputada do BNG lembrou que o 24 de novembro de 2022, un peón de 42 anos faleceu nos estaleiros Cardama de Vigo ao lle caer encima un gran bloque de aceiro que estaba a ser descargado dun camión. O traballador falecido traballaba para unha empresa auxiliar.

O 20 de setembro de 2023, ás 12.05 horas da mañá, un operario de 41 anos tamén falecía nos estaleiros Armón de Vigo ao ser esmagado por un guindastre, o operario falecido traballaba para unha subcontrata dunha subcontrata de Armón.

Estas dúas mortes, sinalou, producíronse en menos dun ano no sector naval de Vigo e súmanse ás que se produciron con anterioridade nun sector cun alto risco de sinistralidade laboral sen que "nin a Inspección de Traballo, nin a Xunta da Galiza adoptaran as medidas para evitar estes accidentes".

"Tomar medidas"

Na súa opinión, é o momento de tomar medidas "urxentes" para "garantir condicións de traballo seguras e cun modelo produtivo que aposte por condicións laborais dignas que eviten o gran número de accidentes que se están producindo no ámbito laboral".

Así, indicou que os datos de sinistralidade laboral na Galiza nos últimos anos son "alarmantes", con 6.000 accidentes laborais, dos que 15 tiveron como resultado a morte da persoa traballadora.

Comentarios