Pérez Xácome presenta denuncias pola filtración e difusión dos audios que o incriminan

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, na rolda de prensa que ofreceu esta cuarta feira a raíz dos audios filtrados. (Foto: Agostime / Europa Press)
Fronte ás denuncias interpostas por Xácome, atópanse as presentadas polo PP (a última, esta quinta feira), a do BNG, que se presentou perante a Fiscalía Xeral do Estado e que estaba pendente de tramitarse e a do PSOE, pola que xa se abriron dilixencias previas.

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, formalizou varias denuncias por mor da difusión de varios audios por parte de La Región que o ligarían con supostas prácticas irregulares vinculadas a temas de concesións e financiamento do seu partido, Democracia Ourensá (DO).

Fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) confirmaron que presentou unha primeira denuncia o día 8 de maio no Xulgado de Garda e, tras ir a repartición, lévao o Xulgado de Instrución número 2 de Ourense.

Por outra parte, Gonzalo Pérez Xácome presentou esta mesma sexta feira, 12 de maio, unha nova denuncia no Xulgado de Instrución número 1 de Ourense. En ambos os casos, aluden a un presunto delito de revelación de segredos e están pendentes de incoar.

Fiscalía

Fronte ás denuncias interpostas por Xácome, atópanse as presentadas polo PP (a última, esta quinta feira), a do BNG, que se presentou perante a Fiscalía Xeral do Estado e que estaba pendente de tramitarse e a do PSOE, pola que xa se abriron dilixencias previas.

Desta maneira, son as denuncias presentadas ante o Ministerio Público despois de que o xornal La Región difundise, en días sucesivos, transcricións e audios do rexedor ourensán que o ligarían con actuacións supostamente irregulares vinculadas a comisións e concesións do Concello.

Ademais, o BNG presentou unha denuncia no xulgado de garda o pasado sábado día 6 de maio tras a primeira publicación do mencionado xornal na cal supostamente Xácome trataría de librarse dunha multa poñéndoa a nome doutra persoa. Neste caso, a titular do Xulgado de Instrución número 3 de Ourense pediu ao BNG que transformase a denuncia en querela e presentase unha fianza de 2.000 euros para poder exercer a acusación popular.

A Fiscalía de Ourense xa abriu dilixencias por mor da denuncia presentada polo PSdeG e, segundo informaron fontes do Ministerio Público, estaban pendentes de recibir a presentada ante a Fiscalía Xeral do Estado por parte do BNG, de forma que se "acumularían" os procesos.

Iso, se non está xudicializado, explicaron as mesmas fontes, para o que Fiscalía incoou o procedemento para preguntar aos xulgados de instrución de Ourense se xa contan con este asunto entre as causas abertas.

Na denuncia presentada polo PP de Ourense, refírense seis posíbeis delitos: organización criminal, falsidade documental, financiamento ilegal dos partidos políticos, malversación de fondos públicos, suborno e tráfico de influencias.