Ourense

Xácome responde aos audios nos que alude a presuntas irregularidades cunha denuncia por "espionaxe"

As gravacións, afirma o rexedor, "son ilegais e carentes de valor, están editadas, manipuladas, falseadas e descontextualizadas".
Gonzalo Pérez Xácome, durante un pleno municipal. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
photo_camera Gonzalo Pérez Xácome, durante un pleno municipal. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome, vén de saír ao paso das gravacións difundidas nas últimas horas por diferentes medios perante a interposición dunha denuncia no xulgado de garda pola presunta comisión dun "delito de espionaxe con microfonía oculta" na Alcaldía. O Concello tamén pediu á Policía que leve a cabo un varrido e localización de micrófonos nas dependencias do Goberno local.

"Os audios que durante os últimos días se difundiron en diferentes medios de comunicación son ilegais e carentes de valor, están editados, manipulados, falseados e descontextualizados", trasladou o rexedor esta terza feira a través dun comunicado. Aliás, esgrime que "o ocorrido revela o emprego de técnicas mafiosas para alterar un proceso electoral mediante a difamación dun candidato".

Xácome responde así aos novos audios publicados nesta xornada en La Región e La Voz de Galicia. En concreto, segundo a información difundida por este último xornal, o alcalde poría sobre a mesa a posibilidade de recolocar os seus asesores en empresas concesionarias: "Todos os inútiles á rúa, ou vas a concesionarias ou che conseguimos choios nalgún lado".

Mentres, o medio ourensán difundiu unha nova entrega de audios nos que Pérez Xácome reflexionaría co seu interlocutor sobre unha suposta estratexia para conseguir diñeiro de empresas interesadas en servizos e obras municipais. "Eu creo que debiamos ir ao grande e non en trapalladas destas. Ao grande!", recolle o diario, que difunde un audio no que o rexedor engade: "Vannos pillar con esmolas. Se metes o pau, méteo ao grande!".

Todo iso no marco dunha conversa na que alude a un suposto "conseguidor". Noutra das gravacións coñecidas nas últimas horas, ademais, o rexedor semella gabarse de saber branquear diñeiro negro: "Con doazóns da xente, doullo. Eu diso todo, a nivel fiscal, controlo, eu non son tan chapuzas".

Após coñecer os feitos, as forzas da oposición mostraron a súa confianza nunha "actuación inmediata" por parte da xustiza para investigar Gonzalo Pérez Xácome e determinar se incorreu nalgún tipo de delito con base nos feitos aos que fai referencia nestas gravacións.

Comentarios