28-M

O BNG promete reactivar a Área Metropolitana de Vigo para impulsar o desenvolvemento económico

Ana Pontón e Xabier Pérez Igrexas lamentan o "enfrontamento permanente" e a "confrontación inútil" entre PSOE e PP na cidade olívica.
No centro, Ana Pontón e Xabier Pérez Igrexas, esta sexta feira, en Vigo. (Foto: Europa Press)
photo_camera No centro, Ana Pontón e Xabier Pérez Igrexas, esta sexta feira, en Vigo. (Foto: Europa Press)

O BNG trasladou esta sexta feira o seu compromiso de reactivar a Área Metropolitana de Vigo, para impulsar o desenvolvemento económico e a mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas, tras a parálise do ente supramunicipal por mor do "enfrontamento permanente" e a "confrontación inútil" entre PSOE e PP.

Así o ratificou a portavoz nacional, Ana Pontón, após un encontro co candidato á Alcaldía de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, e con candidatos e candidatas nacionalistas de municipios da área viguesa. Pontón proclamou o compromiso do BNG de "traballar polo desbloqueo" da Área Metropolitana, un "proxecto estratéxico" paralizado por "intereses partidistas", e puxo en valor que os nacionalistas, fronte a esa confrontación, fan "política responsábel".

A líder do Bloque presentou un decálogo con propostas para mellorar a calidade de vida da veciñanza, no marco da cooperación metropolitana, en aspectos como a mobilidade, o desenvolvemento económico, as infraestruturas, o urbanismo, ou os servizos públicos.

Entre as iniciativas propostas destaca a creación dun Consorcio de Transporte Intermodal cunha tarxeta única para bus, tren e transporte de ría; un Centro Metropolitano de I+D+i; o impuxo ao tren de media distancia e a implantación do tren de proximidade; un plan estratéxico para potenciar o Porto de Vigo cunha adecuada conexión ferroviaria; a exixencia á Xunta de "pór fin aos recortes" na área sanitaria e mellorar a oferta educativa; un plan integral mancomunado para a rexeneración integral da ría; unha xestión conxunta e sosíbel da auga; un novo modelo de xestión de residuos que aposte pola compostaxe e o tratamento de proximidade; ou unha estratexia común metropolitana para a protección dos montes e a prevención de incendios.

Ao mesmo tempo, Ana Pontón volveu valorar a "forma diferente" de facer política municipal do BNG, cun modelo que demostrou "solucións, xestión eficaz, coidado do medio ambiente ou visión feminista", fronte ás políticas de "os de sempre". "O país necesita máis BNG nos concellos", reiterou.

Finalmente, insistiu no seu convencemento de que a formación será "a que máis suba" en apoios o próximo 28 de maio, porque conta co "aval dun modelo municipal de éxito" e cunha "enorme corrente de simpatía". Por iso, recalcou, o BNG "vai a por todas" nestas eleccións municipais.

Críticas ao "hiperlocalismo limitante" de Caballero

Pola súa parte, o candidato á Alcaldía de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, destacou a vontade do BNG de "volver pór en marcha o proceso de vertebración" da área, na que viven medio millón de persoas, e apostou pola "colaboración" e a "mancomunación de esforzos" para mellorar a calidade de vida dos veciños.

A respecto diso, subliñou que a Área Metropolitana "debe ser útil" e criticou que o "enfrontamento permanente" entre socialistas e 'populares' frustrou o seu nacemento, todo iso por "posicións egoístas".

"O papel de Vigo ten que ser distinto, hai que superar ese hiperlocalismo limitante, que pretende amurallar a cidade como as cidades-estado medievais. Vigo debe liderar desde a cooperación e o consenso", proclamou.

Comentarios