28-M

Rueda e Verea arrincan a campaña desde Compostela reivindicando o proxecto do PP

Rueda fixo un chamamento a expresarse nas urnas de forma “clara e contundente” porque nestas eleccións o voto “contra dobre: serve para mellorar cada concello e tamén para dicir con claridade que España debe parecerse máis ao que é Galiza”.
Inicio da campaña por parte do PP en Compostela (Foto: PP).
photo_camera Inicio da campaña por parte do PP en Compostela (Foto: PP).

Alfonso Rueda destacou que o PP concorre ás eleccións municipais co “mellor proxecto para mellorar a vida dos galegos nos 313 concellos desde a estabilidade, a responsabilidade, a unidade e o servizo a Galiza e a España”. Así se manifestou no inicio de campaña en Santiago de Compostela da man do seu candidato á Alcaldía da capital galega, Borja Verea.

Para o líder dos populares galegos estas eleccións non son unha oportunidade para o PP, senón unha oportunidade que Galiza ten que aproveitar para non manter a alcaldes que non funcionan, nin a minorías que só miran polos seus intereses, nin avalar a un Goberno español que está moi lonxe do que merecen os galegos e as galegas.

O futuro que os galegos queren e merecen, apuntou, pode comezar a construírse entre todos desde o próximo 28 de maio (28-M) sen máis demoras e sen máis esperas, xa que a “única distancia para logralo é a que separa os cidadáns dos colexios electorais e os únicos obstáculos poden sortearse co voto”.

Rueda fixo un chamamento a expresarse nas urnas de forma “clara e contundente” porque nestas eleccións o voto “contra dobre: serve para mellorar cada concello e tamén para dicir con claridade que España debe parecerse máis ao que é Galiza”.

O líder dos populares animou todos os presentes a que “participen e a que todo iso que se queira dicir alto e claro cando haxa eleccións xerais se diga xa nestas municipais, elixindo unidade, interese xeral, ilusión, xestión, proxectos, compromiso e gobernos libres que só se deban aos seus veciños”.

O presidente do PP na Galiza remarcou que o que os galegos queren para o país poden telo tamén no seu concello e que o que non queren para España, tampouco ten sentido reproducilo nos consistorios.

Concluíu o presidente da Xunta dicindo que o 28 de maio será o “comezo do fin desa política da que a xente está farta e, sobre todo, o comezo dun novo momento que será moito mellor para todos: o momento de construír desde os concellos unha Galiza máis próspera e máis estábel”

“Poucos representan ilusión como Borja verea”

O líder dos populares galegos asegurou que poucos concellos “encarnan tan ben os efectos do deixamento, da apatía, da escaseza de ideas e a ausencia de enerxía como o de Santiago de Compostela e que por iso chegou o momento de cambiar”.

Do mesmo modo, engadiu, poucos representan a ilusión polo cambio “tan ben como o fai Borja Verea e por iso el será o encargado de encher de aire fresco Santiago e devolverlle a forza e a puxanza”.

“Unha Compostela do século XXI”

O candidato á Alcaldía animou os seus a gañar as eleccións para “levar Compostela ao século XXI”. “A nós non nos chega con gañar, necesitamos e temos aí esa gran vitoria. Temos que conseguir que os votos do PP non collan nas urnas e que esa maioría sexa a maioría do futuro”.

Verea asegurou que o que se vai decidir estes 15 días será se Santiago é gobernada por un candidato do pasado, por un “tripartito de perdedores” ou por un goberno de “futuro”.

Comentarios