Xácome: "O único que pode impedir que 'La Región' e Copasa saqueen o diñeiro público de Ourense son eu"

Durante a rolda de prensa, Xácome cargou duramente contra o xornal 'La Región', ao que acusou de “roubar” a toda a cidadanía de Ourense.
Pérez Xácome durante unha rolda de prensa (Foto: Agostime / Europa Press).
photo_camera Pérez Xácome durante a rolda de prensa esta cuarte feira (Foto: Agostime / Europa Press).

Esta cuarta feira tivo lugar unha rolda de prensa de hora e media de duración ofrecida polo rexedor da cidade de Ourense, Gonzalo Pérez Xácome para tentar explicar os audios filtrados en diferentes medios nos cales o propio alcalde fala de diferentes asuntos comprometedores e que poderían chegar a ser constitutivos de delito.

Unhas gravacións, porén, que o rexedor considera "manipuladas" co obxectivo de "alterar" a cita coas urnas do vindeiro 28 de maio (28-M).

Ao longo da rolda de prensa, o rexedor non só desacreditou os audios e a súa validez senón que tamén ofreceu unha serie de cifras relativas a concesións e subvencións que, na súa opinión, el manterá baixo control de ser escollido alcalde de novo.

‘La Región’ “rouba”

Durante a rolda de prensa, Xácome cargou duramente contra o xornal La Región, ao que acusou de “roubar” a toda a cidadanía de Ourense 2,7 millóns de euros en “arquivos de papel histórico”, algo para o que outros medios “adoitan recibir 80.000 euros”. Ademais, Xácome asegurou que levaron a xuízo ao medio por esta cuestión e que “gañaron” polo que terán que devolver eses 2,7 millóns de euros, a pesar de que o medio apelou a decisión falta a deliberación do Tribunal Supremo.

Para alén diso, Xácome acusou La Región de “saquear” ao Concello de Ourense 2,5 millóns de euros máis en termos de publicidade e subscricións que desde o medio “obrigaban a comprar”. Ademais, o alcalde asegura que o medio recibe 4 millóns da Deputación de Ourense, algo que acontece segundo asegura porque “non puidemos condicionar os orzamentos da Deputación”.

Finalmente acusou tamén o xornal de recibir 2 millóns extra de anunciantes que foron presionados a pór publicidade. Por isto, o alcalde asegurou que se segue na Alcaldía e ten capacidade de condicionar os orzamentos da Deputación , “estarán en xaque máis de 10 millóns de euros, e La Región, que son xonquis de diñeiro público, vería en perigo unha millonada”.

Copasa

A empresa Copasa tamén recibiu duras críticas do alcalde. A esta empresa o rexedor acusouna de querer “levar” por volta de 710 millóns de euros de diñeiro público en diferentes concesións como a de augas, lixo e obras varias entre outras.

Após acusar esta empresa de querer “subornalo” para conseguir estas concesións, asegurou que “se ofrecen a mellor oferta no próximo mandato levaranas”.

Democracia Ourensá, “o problema destas empresas”

Despois destas acusacións, o candidato á reelección á Alcaldía da cidade das Burgas, asegurou que o “único que impide que Copasa e La Región se fagan donos do diñeiro público en Ourense son eu, Gonzalo Pérez Xácome”.

Ademais, sobre posíbeis pactos despois dos comicios, Xácome asegurou que o "diaño é malísimo", pero que está disposto a acordar con el. "O diaño é malísimo, mais eu pactarei co diaño se podo seguir conseguindo o ceo para Ourense", reiterou.

"Co Bloque, co PSOE e até con Cabezas", aseverou Xácome, quen incidiu en que a "idea", o "plan", era pactar co PSOE, pero "fechouse en banda". "Se non che queda outra opción", escusou, para xustificar o pacto con calquera partido co fin de alcanzar "o ceo".

Comentarios