Axentes da UCO entran cun ariete na casa dun empresario en Compostela no marco dunha investigación por delitos fiscais
A Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil entrou esta terza feira cun ariete nunha vivenda situada no número 18 da rúa Algalia de Abaixo de Santiago de Compostela e que foi recentemente rehabilitada.
A actuación atópase baixo segredo de sumario, polo que tan só se coñece que se debe a delitos fiscais no marco dunha investigación a un empresario vinculado ao sector da alimentación e que reside nese inmóbel.
Segundo testemuños veciñais, os axentes chegaron ás oito da mañá á vivenda, situada a escasos metros do Consello Consultivo da Galiza, e botaron a porta abaixo para proceder ao rexistro.
A Garda Civil mantén desde entón un forte despregamento para vixiar o acceso á casa, mentres axentes da UCO están no interior revisando documentación.