Un total de 36.028 galegas e galegos emigraron ao longo do ano 2023
O número de persoas menores de 29 anos que marcharon da Galiza entre 2009 e 2023 ascende a 162.326.
Un total de 36.028 galegas e galegos emigraron en 2023. Segundo os datos achegados esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE), 19.950 persoas deixaron Galiza con destino a diversos puntos do Estado español, asentándose 4.538 en Madrid, 2.398 en Catalunya, 2.062 en Andalucía, 1.960 en Canarias e 1.854 en País Valencià. Ao tempo, 16.078 galegos puxeron rumbo a outras partes do mundo, estabelecéndose na súa maioría nos destinos tradicionais da emigración galega en Europa.
443.252 persoas residentes na Galiza emigraron entre 2009 e 2023. As cifras recollidas no histórico do INE rexistraron, nese período, 285.703 emigrantes galegas e galegos ao Estado español e 157.549 a outras partes mundo. Unha mostra do alcance do fenómeno é que o continxente humano que marchou da Galiza neste período supera o número de residentes de cada unha das sete cidades; a poboación total da circunscrición de Lugo, con 324 267 habitantes en 2023, ou de Ourense, con 304.550 persoas en 2023.
A emigración das últimas décadas partillou os destinos do éxodo galego da segunda metade do século XX. Así, a 31 de decembro de 2023 residían no Estado español 357.267 galegas e galegos, atopándose a principal colectividade en Madrid, con 83.109 persoas; seguida de Catalunya con 62.449, e situándose a unha significativa distancia Euskadi, con 39.044. As tendencias repítense para a emigración europea, onde Suíza suma 34.114 residentes, Francia 17.437, Alemaña 15.378 e Reino Unido 13.633.
Un total de 162.326 galegas e galegos menores de 29 anos emigraron entre 2009 e 2023. A súa porcentaxe representa 38% do total das persoas que abandonaron Galiza nese período. Neste sentido, diferentes estudos advirten do impacto da emigración na descapitalización humana do país, sinalando os investigadores da Universidade Santiago de Compostela (USC) Jose Blanco e Manuel González, no seu artigo “Emigración e fuga de cerebros na Galiza, 2001-2019”, que "Galiza é unha das comunidades máis afectadas pola fuga de persoas con alto nivel formativo”.
Galiza recibiu en 2023 desde o Estado e o resto do mundo 39.415 persoas. Neste sentido, destacaron 7.181 procedentes de Venezuela, 5.788 desde Colombia, 3.070 desde Perú e 2.584 desde Cuba. Na mesma dirección, chegaron desde Madrid 5.248 persoas e 3.228 desde Catalunya.
