A Xunta suspende as saídas de fin de semana para as e os residentes nos centros de atención á discapacidade da Galiza ante o empeoramento da evolución da pandemia. Nun comunicado, a Consellaría de Política Social apunta a que a medida será revisada unha vez conclúa o proceso de vacinación nas residencias e a inmunidade de persoas usuarias e traballadoras estea garantida.
Así mesmo, o réxime de visitas nestes centros manterase limitado a unha á semana por cada persoa de referencia cunha duración máxima dunha hora.
Nestes momentos, os centros de atención á discapacidade contabilizan un total de 72 casos de Covid-19 entre usuarias e outros 29 entre o persoal.
A maior parte dos contaxios están focalizados en dous centros: o Pai Menni de Betanzos, con 41 residentes positivos e 14 no persoal; e Nuestra Señora de Fátima y Cristo rey, con 29 casos en residentes e seis entre o cadro de persoal.
Tamén hai casos de Covid-19 entre as e os usuarios da residencia de Bergondo e na DomusVi de Bóveda. No apartado de traballadoras e traballadores infectados, a Aspace de Sada mantense con dous casos no seu persoal, hai tres na residencia de Bergondo e un no CAPD da Coruña, a Casa Lamastelle de Oleiros, a DomusVi Bóveda e a RPD Aseme de Chantada.