Na madrugada de mañá, ás 3 horas e 4 minutos, comeza o outono. Este equinoccio, que sinala a fin dunha estación e o comezo da seguinte, conta cunha gran tradición na Galiza. Festividades, celebracións e xuntanzas con diferentes simboloxías caracterizan a tempada que comezou hoxe e que, sinala o Observatorio Astronómico Estatal, durará 89 días e 21 horas, até o 21 de decembro, co comezo do inverno.
Para o etnólogo, arqueólogo, antropólogo e escritor Felipe Senén, “o outono é un tempo de bisagra entre o verán e o inverno”, é a época “da morte e da resurrección”. Segundo explica o etnólogo a Nós Diario, o país baséase na tradición, na que está “moi presente o ciclo agrario” o cal se expresa “a través das catro estacións”. Así “a flor produce un froito que xera unha semente” que agarda durante o inverno para volver renacer.
Na tradición galega está moi presente o ciclo agrario que se expresa a través das catro estacións
Desta forma o outono é o momento “da semente”, como a castaña, a máis representativa do país, e cuxa produción se desenvolve, principalmente, no mes de novembro. É o momento tamén dos últimos traballos do verán, como a vendima, que resulta “un proceso cultural, entendendo a cultura como algo que cultivamos e que levamos connosco; unha forma de ser, de comportármonos”.
A festividades do outono
O outono tamén é morte, tamén é “o tempo dos defuntos”, como así conmemora a festividade do samaín, que fecha o mes de outubro, unha “tradición antiquísima” que se está a ver substituída polo estadounidense Halloween “por culpa da sociedade globalizada e con falta de personalidade na que vivimos”; unha sociedade “que non coñece o que é propiamente noso”.
Co outono tamén comeza o magosto, unhas “festas na que as persoas se solidarizan arredor da castaña, do lume e do viño novo”. Por iso, explica o etnólogo, a entrada do outono supón o decorrer de “grandes feiras e romarías”, como a de Monterroso ou a de Chaves do primeiro de novembro, que preparan o pobo para “o inicio do inverno, a última etapa dentro dun almanaque que estamos a perder". A Galiza é un mundo “de mitos, de monstros e de lendas”, de tradicións que inflúen no ciclo anual substituído agora pola “importación doutros aspectos comerciais como o Halloween”, incide.
O magosto é unha festa na que as persoas se solidarizan arredor da castaña, do lume e do viño novo
O momento do equinoccio tamén descobre a maxia de certas construcións emblemáticas da Galiza. A capela de San Miguel de Celanova, por exemplo, recolle un fenómeno solar durante a saída do sol neste preciso momento do ano cando as raiolas se filtran a través das xanelas da construción. A luz entra nun “xogo entre cubos, esferas e cadrados” na capela de influencia islámica e oriental, como indica Senén. O etnólogo explica que a arqueoastronomía analiza a orientación litúrxica de moitos monumentos antigos.
Así, o outono é un tempo de bisagra e de contrastes, de morte e defuntos, de animismo e de culto á natureza, de semente e de lume. Como sinala Senén, o outono é tempo de tradición e de simboloxía que cómpre conservar, pois “un país que perde os seus códigos culturais queda sen os símbolos que funcionan como elementos de comunicación”.