Por que o Día de Defuntos é o 2 de novembro e non o 1?

Hai gran confusión coas datas e pouco axuda a substitución de tradicións propias por campañas comerciais. O antropólogo Rafael Quintía bota luz sobre o calendario e os rituais populares do ciclo de Defuntos, que abrangue todo novembro.

Unha muller limpa unha lápida no cemiterio de Quintana dos Mortos de Santa María A Nova, en Noia (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Unha muller limpa unha lápida no cemiterio de Quintana dos Mortos de Santa María A Nova, en Noia (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

Aínda que o 2 de novembro non sexa feriado e a mercadotecnia do Halloween se volatilizase, o certo é que o Día de Defuntos cae sempre en día 2 e non no 1 de novembro, que é o Día de Todos os Santos. Hai gran confusión coas datas e pouco axuda a substitución de tradicións propias por campañas comerciais. 

Nós Diario conversa co antropólogo e profesor Rafael Quintía para botar luz sobre este período en que, desde tempos inmemorábeis, fanse rituais e especiais lembranzas aos seres queridos que deixaron o mundo. 

Quintía empraza a entender a festa de Defuntos como un ciclo que se estende durante varios días, que é como se conciben este tipo de festas rituais que marcan un tránsito, ben sexa o ciclo de nadal, o ciclo de maio, do entroido....

Así, o ciclo de Defuntos comeza o día 1 de novembro, segue o 2 e engloba tamén os magostos -que tradicionalmente se facían a partir do 1-, o San Martiño e a matanza ritual do porco. "É un ciclo que cobre todo este mes".

Popularmente, a noite importante é a do 1 para 2 de novembro (que no contexto céltico é cando iniciaba o novo ano), e non a noite do 31 como actualmente se celebra polo Halloween.

O cristianismo adaptou as festas populares e no século IX o Papa Gregorio IV estabelece o día 1 de novembro como Día de Todos os Santos, collendo así unha xornada en que se celebraba o inicio do inverno en gran parte de Europa. Porén, o papa só dedicou este día a algúns falecidos: os santos mortos da Igrexa Católica. Despois, no século XI é cando se dedica o día 2 para o resto de defuntos. 

Unha noite para non varrer

Así a noite "por excelencia" é a que dá paso ao día 2, sinala Quintía, pois é cando nos veñen visitar os seres queridos mortos. De aí a tradición de non recoller a mesa pola noite para que teñan de comer. Tampouco se varre para evitar expulsar as ánimas que nos veñen visitar... "Aínda que xa hai o tabú de non varrer normalmente polas noites, porque a noite é do reino das ánimas. Con ese varrer para fóra non fose ser que botases o avó que che vén visitar a casa". 

Tamén é do 1 para o 2 cando se facían as castañas cocidas con anís, pois había a crenza de que cocer castañas axudaba as ánimas. Fanse os magostos, que son ritos de carácter funerario, tállanse cabazas... Aliás, no pasado "había banquetes de carácter funerario que facía a veciñanza en igrexas en honra aos mortos, aínda que isto á Igrexa non lle parecía ben, ao igual que tampouco gostaba de que os nenos fosen pedir polas casas", explica o antropólogo.

Efectivamente, aínda que aquí non se dixese "truco ou trato", a tradición de que as crianzas fosen pedir polas moradas xa existía. "O Halloween significa Todos os Santos, é a adaptación nortemaricana das festas de defuntos que levamos os europeos alí. Eles comezan a celebralas nos anos 30 do século pasado cando aquí xa estábamos fartos de tallar cabazas e ir polas casas", di Quintía. Mesmo tamén había mascaradas, e nalgunhas zonas pintaban a cara de negro nos magostos.

O bispo de Mondoñedo, monseñor De Guevara chegou á Galiza no século XVI e prohibiu moitas desas prácticas ao non consideralas cristiás. Chegou a pór multas de dous marabedís aos pais dos nenos que fosen pedir polas casas en Defuntos e tamén multaba os curas que permitisen os banquetes fúnebres nas igrexas. 

Lugo recupera a tradición dos colares de zonchos

O Centro de Artesanía e Deseño recreou este 1 de novembro en Lugo, nunha actividade promovida pola Vicepresidencia da Deputación luguesa, a tradición dos colares de zonchos –castañas cocidas coa casca-, un costume ligado ás celebracións de Santos e Defuntos.

As crianzas púñanos e ían con eles visitar as tumbas. A mitoloxía popular atribúe á castaña, un alimento de colleita outonal, un valor simbólico, ligado ás crenzas sobre a morte. A actividade contou coa intervención do narrador oral Celso Fernández Sanmartín.

Comentarios