'Saúde, pracer, república e terra malva': un proxecto colectivo recupera o legado de Lola Ferreiro
A iniciativa 'Saúde, pracer, república e terra malva', impulsada por UTE-pías Feministas e recoñecida co Premio Luísa Villalta da Deputación da Coruña, quere preservar e difundir a traxectoria vital, profesional e activista de Lola Ferreiro Díaz a través da memoria compartida.
O legado da médica, educadora e activista feminista Lola Ferreiro Díaz será o eixo central dun novo proxecto de investigación e memoria colectiva que vén de botar a andar na Galiza. A iniciativa está promovida polas entidades Feitoría Verde, Libraría Lila, Atalaias, Arabías e Illa Bufarda, agrupadas baixo o nome colectivo de UTE-pías Feministas, e busca afondar tanto na produción intelectual de Ferreiro como na súa traxectoria vital e política.
O proxecto, titulado 'Saúde, pracer, república e terra malva', foi distinguido co Premio Luísa Villalta a proxectos pola igualdade da Deputación da Coruña. O seu obxectivo principal é recoller, preservar e difundir os coñecementos, a toma de postura e achegas de Lola Ferreiro nos ámbitos da memoria histórica, a saúde, a educación, a sexualidade e a afectividade, así como o seu labor de acompañamento a colectivos, institucións e persoas.
A figura de Lola Ferreiro, finada de maneira repentina o 11 de decembro de 2023, foi un motor fundamental para os feminismos galegos e para as loitas polos dereitos das mulleres nas últimas décadas. A súa actividade deixou unha pegada fonda tanto no activismo social como na construción de estruturas públicas orientadas a mellorar a atención sanitaria e educativa desde unha perspectiva de xénero. Ese papel clave é o que levou as entidades promotoras a impulsar este proxecto, co convencemento de que o seu pensamento e práctica non poden caer no esquecemento.
Ferreiro destacou pola súa traxectoria polifacética: como médica, educadora e activista, incorporou de maneira transversal a visión feminista en todos os ámbitos nos que traballou. Elaborou guías, publicou artigos e investigacións, participou en xornadas e encontros, e realizou acompañamentos individuais e colectivos. Aliás, desenvolveu un importante labor de recuperación, denuncia e visibilización da represión das mulleres durante a ditadura franquista, tanto no contexto galego como no estatal e internacional.
Un proxecto colectivo
A investigación parte do traballo en rede de UTE-pías Feministas, unha alianza recente entre as cinco entidades promotoras, que inician con este proxecto unha das súas primeiras accións conxuntas. Na actualidade, a iniciativa atópase nunha fase inicial de recollida de materiais e información, polo que se lanza un chamamento aberto á cidadanía para contribuír á construción dunha memoria colectiva arredor de Lola Ferreiro.
As persoas interesadas poden colaborar achegando fotografías, documentos, textos, testemuños ou lembranzas persoais que axuden a conformar un retrato coral da activista. Para participar ou solicitar máis información, está habilitado o correo electrónico narepublicamalvaconlola@gmail.com.
Ao longo dos vindeiros meses, os materiais recompilados iranse compartindo a través das redes sociais das entidades participantes e dun blog específico do proxecto, que se porá en marcha ao longo do primeiro trimestre de 2026. O traballo culminará cun acto público de presentación no que se dará a coñecer o resultado desta investigación colectiva e cidadá sobre o legado de Lola Ferreiro.
