Tras analizar a "positiva evolución epidemiolóxica" nos concellos de Neda, Fene, Burela, Oleiros, Lalín e Oroso, o grupo de expertos e expertas que monitoriza a evolución da Covid-19 na Galiza acordou, na xuntanza da mañá da sexta feira, cambiar o nivel de restricións nestes seis municipios.
Así, desde esta medianoite, en todos eles pasará a rexer o nivel básico de medidas, unha conxuntura coa que se levantará a limitación de mobilidade que até de agora posuían.
O subcomité clínico tamén acordou reforzar o nivel de restricións no Concello de Boiro, co que pasa formar parte da listaxe de 17 concellos que teñen establecido o nivel máximo de restricións.
Así mesmo, as localidades de Monfero, Pontedeume, Tui e Vilalba, malia continuar co mesmo nivel de restricións actual, serán obxecto dunha vixilancia especial por parte do grupo de expertos e expertos, segundo informa a Consellaría de Sanidade nun comunicado de prensa.
As medidas publicaranse na tarde desta sexta feira no Diario Oficial da Galiza e entrarán en vigor desde as 00 horas desta medianoite.
O anuncio ten lugar cando Galiza conta con 7.136 casos activos da Covid-19, 283 menos. Este descenso sostido continúa en todas as áreas sanitarias, tal e como deu a coñecer na mañá da sexta feira a Consellaría de Sanidade.
A área da Coruña e Cee, con 1.472 casos activos, é a que máis afectada.