Tratamentos para a tose, o arrefriado, mocos, varices, hemorroides, estreñimento, diarreia, psoríase ou ansiedade son os elixidos polo Ministerio de Sanidade para excluílos do financiamento público, segundo a proposta que aprobará nesta cuarta o Consello Interterritorial --reunión cos Gobernos das distintas autonomías-- e segundo a información que baralla unha emisora de radio española e que vén de adiantar, após ter acceso á listaxe de medicamentos que fican fóra dos plans de financiamento do departamento que dirixe Ana Mato, un 'medicamentazo' co que a ministra di que aforrará máis de 400 millóns de euros.
Así as cousas, a partir de agora serán 18 as doenzas para cuxo tratamento @ paciente terá que desembolsar o custo íntegro. Son os antigripais, os xaropes para a tose, os mucolíticos, os tratamentos para varices e hemorroides, para a psoríase, cremas para os virus que afectan á pel como o aciclovir ou herpes; cremas antinflamatorias tipo voltarem; as destinadas á dermatite do pescozo; bágoas artificiais; laxantes; antidiarreicos; antiácidos; fármacos para a ansiedade leve e para previr a deterioración cognitiva asociada á idade. Di o Ministerio que as persoas enfermas de gravidade ficarán exentas, xa que a explicación de Mato para emprender tal recorte é manter o financiamento público de "novas terapias" indicadas para patoloxías graves, invalidantes e de prognóstico fatal.
Segundo a información facilitada pola emisora de radio, a proposta para non correr desde o Público con eses gastos partiu dunha listaxe elaborada na Dirección Xeral de Carteira Básica de Servizos do Sistema Nacional de Saúde e Farmacia español, seguindo as suxestións das propias autonomías. En 13 delas goberna o PP.