Nun encontro organizado esta segunda feira na Coruña pola Agrupación Cultural Alexandre Bóveda en colaboración con SUGxPalestina, BDS Galiza, o Grupo de Igualdade da Facultade de Ciencias de Educación da Universidade da Coruña e Xornal da Coruña, o activista e oftalmólogo palestino afincado na Costa da Morte desde hai máis de 30 anos, Mohamed Safa, fixo unha precisa contextualización global do conflito que sofre o pobo palestino.
Safa deixou claro que "outubro non é a data inicial" da escalada de violencia rexistrada nos últimos meses na Faixa de Gaza, pois son xa "sete as décadas pelexando contra a ocupación colonial por parte do Estado sionista de Israel".
O autor de varios libros como La segunda nakba palestina: El Proceso de paz (Utopía, 2023), La revolución árabe. Democracia, nacionalismo y religión (Hoja de Lata, 2017) ou Palestina, grito por la libertad (Do Castro, 2003), fixo unha análise desde a actualidade, debullando cales son as chaves, as causas e as consecuencias do xenocidio que sobre a día de hoxe o seu pobo.
Unha agresión por parte do Estado israelí que suma xa máis de 33.200 persoas asasinadas, segundo confirmou esta segunda feira o Ministerio de Sanidade de Gaza.