Rueda di reivindicar un "galeguismo non nacionalista" mentres lexitima a deturpación do topónimo da Toxa

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a entrevista (Foto: César Arxina / Europa Press).
Rueda participou na inauguración deste evento que decorre até este sábado en Illa da Toxa (O Grove) e que contou coa presenza de Felipe VI; a ministra de Xustiza en funcións, Pilar Llop; o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices; o delegado do Goberno na Galiza, Pedro Blanco; e os ex presidentes Mariano Raxoi e Sebastián Piñera (Chile).

O presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, reivindicou o galeguismo, "que non é nacionalista pero que non esquece as súas raíces", no Foro neoliberal da Toxa, contrapóndoo aos nacionalismos "mal entendidos, exacerbados, que logran romper consensos e que acaban non achegando acordos, solucións nin nada positivo".

Faino mentres lexitima un uso deturpado do topónimo galego e oficial (o foro chámase ‘La Toja’). A este respecto, a Mesa Pola Normalización Lingüística mobilizouse con motivo do inicio deste foro en defensa do topónimo galego e oficial.

Rueda participou na inauguración deste evento que decorre até este sábado en Illa da Toxa (O Grove) e que contou coa presenza de Felipe VI; a ministra de Xustiza en funcións, Pilar Llop; o presidente do Parlamento galego, Miguel Ángel Santalices; o delegado do Goberno na Galiza, Pedro Blanco; e os ex presidentes Mariano Raxoi e Sebastián Piñera (Chile).

O presidente do Goberno galego comezou a súa intervención no foro cunha benvida ao rei.

Alfonso Rueda valorou a situación actual, "que impón asuntos perentorios, xa non urxentes" e que é "deber" atender por parte dos responsábeis públicos, entidades privadas e por parte dos cidadáns.

"Estamos perante un cruzamento de camiños moi difícil no que se están cuestionando principios da nosa convivencia democrática. O día a día obríganos a defender cousas que pensabamos que estaban asentadas. Pero estamos dispostos a facelo", defendeu.

“Mecadeo”

Estas declaracións do titular do Executivo galego chegan tamén no medio da polémica xerada polo conselleiro de Cultura da Xunta da Galiza, Román Rodríguez, que cualificou o uso do galego no Congreso como “mercadeo”.

Román Rodríguez censurou que o que está detrás da inclusión das linguas oficiais o que está é unha condonación da débeda a Catalunya. Diso "non se quere falar, que parte da torta vai pagar" "Dáme pena o mercadeo", dixo, sobre "un uso tan íntimo como o da lingua".