A oposición reprocha a Rueda ser un "palmeiro" do discurso ultra do PP en Madrid

Mentres BNG e PSdeG ven o presidente da Xunta "supeditado" aos "intereses do PP", desde a formación conservadora responden que acudiu á manifestación deste domingo en Madrid contra a amnistía para "representar todos os galegos que cren na igualdade dos cidadáns".
Aplausos de Alfonso Rueda na manifestación deste pasado domingo en Madrid contra a amnistía convocada polo PP. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera Aplausos de Alfonso Rueda na manifestación deste pasado domingo en Madrid contra a amnistía convocada polo PP. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

Os grupos da oposición no Parlamento da Galiza —BNG e PSdeG— afearon esta segunda feira ao presidente da Xunta e dos 'populares' galegos, Alfonso Rueda, que acudise este domingo a Madrid á manifestación convocada polo seu partido contra unha hipotética amnistía aos políticos cataláns condenados polo procés, algo que os nacionalistas ven como "arrastrarse ante o PP madrileño" e que os socialistas interpretan como unha actuación de "palmeiro" de Alberto Núñez Feixoo. En senllas roldas de prensa, Luís Bará (BNG) e Luís Álvarez (PSOE) avaliaron así a presenza do dirixente galego na mobilización convocada por Xénova e na que tamén participaron os ex presidentes do Goberno español Mariano Raxoi e José María Aznar.

Luís Bará (BNG): "É un exemplo máis da submisión e subordinación aos intereses partidistas do PP"

"O que vemos, unha vez máis, é que o señor Rueda está a arrastrarse ante o PP madrileño", manifestou Bará, quen dixo que esta actitude tamén se viu na "infame" posición de oporse á tramitación do regulamento para facilitar o uso da lingua galega no Congreso. O deputado do Bloque asegurou tamén que Rueda está a "facerlle os coros ao 'Ayusismo' e á dereita máis españolista e radical nos últimos tempos".

Para Luís Bará, un presidente da Galiza situouse en contra do uso do galego e de que a lingua propia "conquiste dereitos espazos e dereitos", aínda que sexa da forma "simbólica" como neste caso —votando no Parlamento da Galiza en contra de apoiar a autorización do galego nas Cortes españolas—. "É un exemplo máis da submisión e subordinación aos intereses partidistas do Partido Popular", sentenciou.

Luís Álvarez (PSdeG): "Resulta lamentábel actuar case como palmeiro dun acto para desviar a atención dunha investidura sen vía de saída"

Pola súa parte, Luís Álvarez considerou que Rueda representou "unicamente unha formación política", nun acto "absolutamente delirante" ante a "fake investidura" de Feixoo. O voceiro socialista ironizou cos "fastos da entronización errada" do líder 'popular' e lamentou, especialmente, a presenza de Rueda "facendo un seguidismo absoluto de Feixoo antes que facer fronte ás súas obrigas, que son axudar todos os galegos".

"Resulta lamentábel actuar case como palmeiro dun acto para desviar a atención dunha investidura sen vía de saída", censurou Álvarez, que ve como o presidente da Xunta "supedita a axenda da Galiza ao seu líder [Alberto Núñez Feixoo], cada vez máis debilitado". "Ao PSOE, e creo que a unha parte importante de votantes do PP, dóenos como o presidente da Xunta quere facernos a todos reféns da súa estratexia de apoio á política de Feixoo, dos seus intereses, para afrontar un día máis cobrando os sobresoldos á fronte dun partido político", manifestou, para afear que "xeren un conflito artificial en lugar de transitar por un camiño de convivencia e acordo".

Alberto Pazos (PP): "Rueda representou todos os galegos que cremos na igualdade dos cidadáns, e por tanto, estaba a prestar un gran servizo"

A modo de resposta, o portavoz do grupo popular no Hórreo, Alberto Pazos Couñago, destacou que esta semana vén marcada polo debate de investidura de Feixoo, que vén despois de que "miles de persoas mostrasen unha firme oposición" a que Pedro Sánchez "entregue todo o que pidan". Fronte a iso, os 'populares' usarán "todas as vías para que ninguén sexa máis que ninguén". E en oposición ás críticas, o portavoz do PP na Cámara defendeu que Rueda acudiu a un acto de partido "como o fan socialistas e nacionalistas".

"Estaba a representar todos os galegos que cremos na igualdade dos cidadáns, e por tanto, creo que estaba a prestar un gran servizo", manifestou Pazos Couñago. O portavoz 'popular' deduciu que "probabelmente os que hoxe criticaron a súa presenza" no acto estaban a desexar que "se ausentase", pero Rueda acudiu para apoiar a quen foi presidente da Galiza durante 13 anos e para mostrar "o compromiso do PP da Galiza e moitos galegos co proxecto de Feixoo e que el lidera".

Comentarios