Ocorreu, segundo denuncian desde o sindicato CXT, o pasado domingo, cando os trens que partían de Vigo con destino Compostela colgaron o cartel de "completo" a partir da media tarde.
O motivo, o movemento de estudantado polo comezo do curso universitario, mais tamén a supresión de servizos aplicada por Renfe desde o estado de alarma e nunca reposta por completo, nin nestas nin no resto de liñas.
"Mesmo servizos de dupla composición, que ofertan 500 prazas, foron completos, houbo xente que quedou sen poder viaxar", expón o coordinador na Galiza do sector ferroviario deste sindicato, Juancho Sánchez Losada, quen asina o escrito que a organización remitiu nas últimas horas á dirección de Renfe e á xerencia de Servizo Público da Galiza, solicitando, de novo, a restitución de servizos ferroviarios no país.
O ocorrido esta fin de semana non é, porén, máis que un exemplo das deficiencias do transporte ferroviario galego, agravadas agora polos recortes derivados do coronavirus e das súas restricións.
Onte mesmo, o BNG reclamaba ao Goberno español a restitución inmediata da liña de Avant que conectaba Ourense coa Coruña das 06.45 horas, con parada en Compostela, e "que daba servizo a moitas persoas que estudan ou traballan nestas cidades", así como a mellora e ampliación das frecuencias e oferta horaria deste tramo e unha rebaixa no prezo.
O último pleno municipal de Ourense, do pasado día 2, explicitou as carencias neste transporte a través de dúas mocións, unha impulsada polo PP e outra polo BNG, ambas aprobadas.
Recuperación "a demanda"
Hai dúas semanas, a empresa pública estatal recoñecía que, no ámbito galego, mantén sen circulación 35% dos servizos de media distancia, cuxa recuperación fía ao que "vaia pedindo a demanda".
"Renfe está a utilizar como argumento a falta de persoas viaxeiras na liñas do rural e adecuación das circulacións á demanda, esquecendo a súa responsabilidade de servizo público obrigado a ofertar e o aumento dos fluxos de viaxeiros e viaxeiras nos corredores con alta demanda, como o de Vigo-A Coruña", repón o sindicato, que advirte que a redución de servizos afecta tamén a persoas que traballan en núcleos diferentes dos de residencia.
É, segundo o coordinador da CXT, un círculo vicioso no que a falta de oferta se traduce nunha redución de persoas usuarias, que se usa de argumento para non reforzar o servizo.
"A supresión de servizos por mor da pandemia está a afectar principalmente as usuarias e usuarios da Galiza rural, xa que a maioría de trens suprimidos son os que fan paradas en estacións como Redondela, Arcade, Catoira, Pontecesures, Padrón, Guillarei, Caldelas de Tui, Salvaterra, Frieira, Filgueira, Ribadavia, San Clodio-Quiroga, A Rúa, O Barco de Valdeorras, Ferrol, Betanzos, Pontedeume, Sarria e Ortigueira", enumera a CXT, que lamenta ademais que as liñas Vigo-Ponferrada, A Coruña-Ferrol, A Coruña-Monforte e A Coruña-Ortigueira non permiten, coa actual oferta, a ida e regreso en itinerarios compatíbeis cos horarios do ensino ou das quendas laborais.
Ao igual que o BNG, a CXT considera "incomprensíbel" a desaparición do Avant que conectaba, na primeira hora da mañá, Ourense con Compostela e A Coruña, "fundamental para o funcionariado que traballa noutra cidade", indica Sánchez Losada.
Da mesma maneira, o sindicato reclama á dirección da rede ferroviaria a reposición do tren que saía de Vigo ás 06.58 cara a Compostela, e cuxa falta "afecta en gran medida as poboacións intermedias e rurais", desde Redondela, Arcade, ou Vilagarcía a Catoira e Padrón.
Ademais, pide a reposición da última liña da tarde entre Vigo e A Coruña, con saída ás 21.35 horas. "Que finaliza o seu horario ás 21 horas non pode volver ao fogar", alerta, advertindo que estas carencias desincentivan o uso do tren como medio de transporte habitual.