Recortes en Educación: Anpas da Costa da Morte denuncian a falta de PT e AL e a sobrecarga do profesorado
As comunidades educativas da Costa da Morte mobilizáronse esta segunda feira en Cee (comarca de Fisterra) para denunciar a situación "límite" que están a vivir os centros de ensino público pola falta de profesorado especialista e a "política de recortes aplicada pola Consellaría de Educación". As concentracións, impulsadas pola Federación provincial de Anpas da Coruña-Costa da Morte e pola Confederación Anpas Galegas, docentes e familias quixeron visibilizar un problema que afecta de maneira directa o alumnado con necesidades educativas especiais e que, segundo denuncian, "está minando a equidade do sistema educativo galego".
A problemática repítese en practicamente todos os centros da zona: prazas de Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL) sen cubrir, redución de perfís profesionalizados, desdobres eliminados e profesorado obrigado a asumir tarefas "para as que nin foi contratado nin dispón de recursos". O resultado é que numerosos grupos iniciaron o curso sen recibir as sesións de apoio que lles corresponden.
A consecuencias "son graves". Nenos e nenas neurodiverxentes, con trastornos da comunicación ou da linguaxe, dificultades específicas de aprendizaxe ou recentemente incorporados ao sistema educativo galego están a acudir cada día ás aulas sen a intervención especializada recoñecida por lei. "É un dereito que a Consellaría está a tratar como un privilexio", denuncian as familias mobilizadas.
A situación agravouse pola precarización do persoal coidador, ao que —segundo os colectivos— está a ser derivado de maneira "inxusta" tarefas asistenciais e educativas que non lle corresponden. "Non teñen nin a formación nin o recoñecemento profesional que correspondería", explican.
Ademais, as instrucións internas da Consellaría están a limitar a posibilidade de organizar recursos de apoio nos centros, mesmo cando a realidade do alumnado xustifica reforzos urxentes. O incremento das ratios e elimínanse desdobres.
As familias denuncian tamén a desigualdade crecente entre quen pode pagar atención privada e quen non. "Esta combinación de recortes e mala planificación está a comprometer seriamente a calidade do ensino público galego, ao tempo que obriga moitas familias a recorrer a servizos privados de apoio, xerando unha fenda cada vez maior entre quen pode pagar atención externa e quen non", explican. "A escola pública, que debería ser o principal garante da igualdade de oportunidades, vese así convertida nun espello das desigualdades sociais, no canto de ser unha ferramenta para combatelas", denuncian as familias, que aseguran sentirse "desprezadas" pola Administración galega. "Estamos fartas de promesas incumpridas, de que non se nos escoite e de que se nos desprece por reclamar o que aos nosos fillos e fillas lles corresponde por dereito".

