O grupo municipal do BNG de Cerdedo-Cotobade vén de presentar alegacións contra o proxecto de parque eólico de Pedra Longa, que afecta, ademais da parroquia de Tomonde, os concellos da Estrada e Forcarei.
O proxecto de Pedra Longa comparte liñas de evacuación co das Penizas, situado entre Cerdedo-Cotobade e Forcarei e súmase aos outros parques en tramitación que neste concello: Campo das Rosas, Porto Vidros, Siroco, Tramontana, Rula e Os Cotos.
Segundo explicou o portavoz municipal do BNG, Ernesto Filgueira, os nacionalistas fan as alegacións promovidas pola asociación Petón do Lobo, baseadas nun "estudo amplo, serio e rigoroso que detalla afectacións a recursos hídricos, á paisaxe, á avifauna, ademais de afectar a espazos da Rede Natura, como a serra do Cando e a serra do Candán”.
Neste sentido, o BNG exixe que se faga unha "planificación seria e rigorosa dos parques eólicos, analizando o impacto na súa globalidade, e con criterios de transparencia, participación, sustentabilidade, e con repercusión económica na zona".
Enerxía "limpa e xusta"
“Non é de recibo que saturen o noso territorio de muíños de vento, coas súas correspondentes infraestruturas, sen un estudo serio e completo das súas afectacións", criticou Filgueira.
O portavoz nacionalista manifestou que “basta xa de traballar para favorecer o negocio das eléctricas. Precisamos unha enerxía, limpa, xusta, que deixe beneficios nas comunidades nas que se instalan e que coiden e protexan o noso medio natural, social e cultural".
Para Filgueira, a proposta eólica do BNG representa "todo o contrario do modelo depredador e escurantista que promove o PP”.
Por último, afirmou que “os veciños e veciñas saben que nos terán sempre ao seu lado, na defensa dun rural vivo e dinámico contra o espolio e depredación que pretender acometer grandes compañías eléctricas, co apoio entusiasta da Xunta”.