Co proxecto para construír un parque eólico na serra do Galiñeiro aínda avanzando, o BNG uniuse a outros colectivos como a plataforma Serra do Galiñeiro para denunciar que esta actuación sería “agresiva e aberrante” para un enclave natural que ten un gran valor.
Co obxectivo de paralizar, aínda que sexa de forma “cautelar” o plan para crear esta explotación, haberá unha nova “ofensiva política e social”. O primeiro paso será o dado polo deputado Luís Bará, que comentou que vai presentar varias iniciativas no Parlamento galego para pór freo á iniciativa.
Aproveitaría ese tempo gañado para “alargar o grao de protección ambiental do Galiñeiro, propoñendo a súa inclusión no Parque Natural do Aloia”. Nesa mesma perspectiva de salvagarda coinciden as e os nacionalistas de Vigo, Gondomar e O Porriño, que destacaron que de seguir adiante, a instalación vulneraría normas ambientais e directivas europeas.
Bará, que estivo acompañado da súa compañeira na cámara galega Carmela González, lamentou que se estea a dar cabida a un parque que se corresponde cun “modelo produtivista e de espolio” contra o monte.
"Sen transparencia" e en contra da veciñanza
Ademais, subliñou que tamén é un problema o feito de que se promova “sen participación nin transparencia”.
O Galiñeiro ten, ademais, o recoñecemento como lugar de “especial valor paisaxístico”. O representante do Bloque, de feito, falou da súa flora e fauna, da paisaxe e dos elementos arqueolóxicos e patrimoniais que poderían verse comprometidos.
A voceira municipal do grupo en Gondomar, Manuel R. Pumar, asegurou que a oposición veciñal é masiva. “Un parque eólico é incompatíbel cun modelo de monte sustentábel e protexido como o que defende o BNG”, remarcou.
O seu homólogo en Vigo, Xabier P. Igrexas, asegurou que o partido vai seguir traballando en contra das explotacións de enerxías deste tipo despois de “máis dunha década a plantarlle cara á ameaza eólica no Galiñeiro por ser unha agresión inxustificábel a unha peza emblemática do noso medio natural".