Coa subvención concedida aos centros privados, de 17 millóns de euros, estarían cubertas as necesidades de todas as escolas do rural ourensán. Por conseguinte, desde o BNG exixiron nesta cuarta feira á Xunta de Galiza "un cambio de rumbo" nas políticas educativas que beneficie non só aos centros privados, senón tamén aos públicos. Así llo pediu a deputada e voceira de Educación Carme Adán, nunha rolda de prensa celebrada en Ourense o mesmo día no que nais, pais, profesorado e alumnado do CEIP de Carballeda de Avia se botaron á rúa para lembrar ao departamento que dirixe Jesús Vázquez que "non somos un rabaño".
As reclamacións do BNG chegan a raíz do máis que probábel incremento da ratio de alumn@s, sumado ao posíbel agrupamento de estudantes de diferentes idades en cada aula. A problemática é especialmente grave en Ourense, onde os sindicatos, nomeadamente a CIG a través da federación do Ensino, calculan que serán até 40 as unidades educativas de Infantil e Primaria que boten o peche. No conxunto da Galiza serían máis de cen. Diante do panorama, Carme Adán manifestou a súa "preocupación" pola situación do rural, mentres seguen a se subvencionaren centros privados.
Ollando as cifras que manexan @s nacionalistas, no que vai de lexislatura o PP subvencionou desde a Xunta escolas privadas "de ideoloxía ultrarrelixiosa" con 17 millóns de euros. "Non estamos a falar de austeridade nin de redución de gastos, estamos a falar dunha agresión ao medio rural".
As medidas implementadas pola Consellaría, que farán posíbel que alumn@s do primeiro ciclo da Primaria, de 6 a 12 anos, partillen aula, suporá un retroceso a métodos de ensinanza de hai 40 anos, valorou a deputada do BNG, ao sumar o reagrupamento do alumnado á falta de recursos e á redución do profesorado. Voltando aos datos de CIG-Ensino, son 2.000 os postos de traballo que están na corda frouxa en toda Galiza, incluída a etapa da Secundaria.